|
|  | O escritor Xosé María Álvarez Blázquez naceu na vila pontevedresa de Tui no ano 1915. Estudiou Maxisterio na cidade de Pontevedra e traballou de mestre en Galicia e Zamora e foi profesor de instituto en Vigo. Aos dezasete anos publicou o seu primeiro libro de poemas, «Abril» e fundou a revista literaria «Cristal». No ano 1936 ingresou no Partido Galeguista e comeza a estudar Filosofía e Letras, carreira que non pode continuar polo comezo da Guerra Civil. Ao remate da guerra, no 1939, comeza a traballar activamente en defensa da nosa cultura, ingresando, dez anos despois, na Real Academia Galega, como membro correspondente e no 1962 xa é elegido como membro numerario, ocupando a vacante de Aquilino Iglesias Alvariño. Fundou dúas editoriais: Editorial Monterrey e Edicións Castrelos adicadas á publicación de libros galegos. Nesta última editorial publicou «O Catecismo do Labrego», que acadou a categoría de primeiro «superventas» da literatura galega. Escribiu tamén numerosos artigos periodísticos e de investigación arqueolóxica, sendo nomeado Cronista Oficial da Cidade de Vigo. Os seus libros máis coñecidos son, cecais, «A pega rabilonga e outras historias de tesouros», en prosa e «Roseira do teu mencer» volume de poemas adicado á súa filla Colorín. Faleceu en Vigo un 2 de marzo de 1985 por mor dunha afección cardíaca. Polo seu labor como editor e pola súa defensa da lingua e a cultura galega a Real Academia Galega dedícalle o Día das Letras, o 17 de maio de 2008.
|
|