Día das Letras Galegas
A celebración do día das Letras Galegas, cada 17 de Maio, foi instituída no ano 1963 pola Real Academia Galega para conmemorar a publicación do libro de Rosalía de Castro "Cantares Gallegos". Celebrábase así o centésimo aniversario do 17 de Maio de 1863, dedicándose a homenaxear en cada ano sucesivo a un escritor ou escritora en lingua galega.
A proposta de celebrar ese Día fora formulada por tres membros da Real Academia Galega: Manuel Gómez, Xesús Ferro Couselo e Francisco Fernández del Riego.
Foi un libro a referencia homenaxeada, e escolleuse "Cantares Gallegos" por varios motivos; por estar considerado como a obra literaria que inicia o "Rexurdimento" da literatura e da cultura galega moderna, polas súas cualidades poéticas excepcionais, a gran repercusión que tivo xa na súa propia época, e por ser o primeiro libro publicado integramente en galego tras os Séculos Escuros.
A primeira escritora homenaxeada, no ano 1963, foi Rosalía de Castro, seguíndolle en anos posteriores Alfonso Castelao, Eduardo Pondal, Francisco Añón, Curros Enríquez, López Cuevillas...
A Real Academia Galega foi a institución que estableceu a tradición do Día das Letras Galegas e que ano tras ano veu seleccionando as autoras e autores homenaxeados.
Fontenla Leal e Manuel Curros Enríquez, desde Habana, deron os primeiros pasos para a creación dun organismo que loitara pola lingua e a cultura galega e así, un 30 de setembro de 1906 celebrouse no salón de actos da Reunión Recreativa e Instructiva de Artesanos da Coruña a constitución e primeira reunión da Real Academia Galega.
A primeira sede foi no Pazo Municipal de A Coruña, pasando posteriormente a un edificio da Rúa Tabernas, propiedade dunha das académicas, a condesa de Pardo Bazán.
O seu primeiro presidente foi Manuel Murguía, escritor, historiador e gran investigador e defensor da cultura galega, ademais de marido de Rosalía de Castro.
A Real Academia Galega celebrou o ano 2006 os seus cen primeiros anos de historia.