Letras Galegas
2018
2017
2016
2015
2014
2013
2012
2011
2010
2009
2008
2007
2006
2005
2004
2003
2002

Frei Martín Sarmiento





A vida de Frei Martín Sarmiento comprende gran parte do século XVIII, un século que arrinca co comezo da guerra de Sucesión, contenda na que se vai dirimir que dinastía ía reinar en España: os Borbóns, na persoa de Felipe V ou a dos Habsburgo, representados polo arquiduque Carlos de Austria.
No interior de España a poboación tamén está dividida, por unha banda a Coroa de Castela, co apoio, principalmente, de Francia, defenden as pretensións de Felipe V e no bando contrario está a Coroa de Aragón, con apoios da gran alianza antiborbónica formada por países como Portugal, Gran Bretaña, Austria, Países Baixos... partidarios do arquiduque Carlos de Austria.
No fondo o problema era o interese das grandes potencias polo control comercial das colonias españolas en América.
O que empezou coma unha contenda internacional con batallas nos dominios españois en Italia, centro Europa e posesións no Mediterráneo, axiña se converteu nunha guerra civil que enfrontou a Coroa de Castela e a de Aragón no propio territorio español e que rematará catorce anos máis tarde co triunfo de Felipe V, a toma da cidade de Barcelona e a proclamación do decreto de Nova Planta que ía abolir tódolos dereitos que ata entón viña disfrutando a Coroa de Aragón asimilándoos «ás leis, usos e costumes de Castela».
O reinado de Felipe V non supuxo para Galicia cambios fundamentais. A política belicista deste monarca non favoreceu precisamente ó país que veu como quedaba afectado o seu comercio marítimo ó tempo que as levas de soldados e o aumento de impostos supuñan un serio atranco ó noso desenrolo económico.
Durante este período serán constantes as incursións da armada británica nas costas de Galicia, con saqueos e incendios das poboacións menos fortificadas: Vigo, Pontevedra, Redondela, Moaña...

En 1702, cando Sarmiento tiña só sete anos e en plena guerra de Sucesión, ten lugar o feito coñecido como «a desfeita de Rande» que tanto ía influír na súa futura vocación relixiosa e que o levaría a coñece-lo priorado bieito de Tenorio. Neses momentos a escuadra inglesa está á espera da chegada da Flota Española da Prata que viña escoltada por naves francesas. Ó fondear esta na badía de Rande son atacados por dúas escuadras inglesas producíndose un gran combate naval.
O combate rematou co afundimento das naves hispano-francesas e o nacemento da lenda do tesouro de Rande, segundo a cal durme no fondo da ría de Vigo unha inmensa cantidade de riquezas das colonias americanas.
A subida ó trono de Fernando VI, fillo de Felipe V, trouxo un cambio de política que mellorou algo as condicións económicas e sociais de Galicia.
Por unha banda abandonáronse as políticas belicistas do reinado anterior que tanto lesionaron o desenrolo do país e asinaronse tratados coas potencias europeas, afastando o perigo de incursións das naves británicas sobre as costas galegas.
Este novo clima propiciou o incremento das actividades pesqueiras, o tráfico comercial, a construcción dos estaleiros e o Arsenal de Ferrol, que sentarán as bases do proletariado industrial galego.
É durante este reinado de Fernando VI que se produce a invasión pacífica das costas galegas polos cataláns que introducen novos métodos de conserva de pescado e inzan as rías de fábricas. Introducen tamén un novo sistema de pesca, «a xábega», que esquilmou as reservas de sardiñas e provocou a reacción dos pescadores artesanais galegos que vían como desaparecía o seu tradicional medio de vida.
Contra esta arte de pesca e en defensa dos pescadores e das artes tradicionais, moito menos agresivas e máis respectuosas co medio, levantou a súa voz Sarmiento.
Pero non foron estas as únicas novidades que tivo o reinado reformista de Fernando VI: constrúese a estrada A Coruña-Madrid, posibilitando a comercialización da producción galega e o abaratamento dos custes do transporte e iníciase a reforma da Universidade de Santiago, limitando a influencia do elitista Colexio de Fonseca e abrindo a institución a estudiantes sen orixe aristocrática.
Supón este reinado unha limitada modernización do país pero tamén é un período de asimilación e uniformización ós modos e costumes de Castela.
O posterior reinado de Carlos III coincide cun aumento xeral da poboación española e Galicia convertese no país periférico máis densamente poboado pero con enormes problemas estructurais para o seu desenvolvemento: a terra, moi dividida, seguía a estar en poder dos que non a traballaban.
Os foros, renda que os campesiños pagaban ó señor polo uso da terra, pesan coma unha lousa sobre as inversións na modernización do campo. ¿Para que investir se as melloras serán para o señor e nunca para os descendentes do arrendatario?. A alternativa para o campesiñado é clara: ou a emigración ás Indias ou cara o interior da península.
Pero a resposta do goberno de Carlos III a este grave problema da agricultura e da economía galega non pode ser máis desalentadora xa que mantén os foros e condena á poboación agrícola á miseria.
E novamente Sarmiento tomará partido polo campesiñado e en contra da pervivencia dos foros. No ano 1766, nun estudio sobre os foros, defende que a terra «estea en mans de labregos que por si mesmos cultiven as terras, non con propietarios en precario».


A ILUSTRACIÓN

O século XVIII é un século caracterizado polo predominio da agricultura no conxunto das actividades económicas e a monarquía absoluta como forma predominante de goberno.
A comezos deste século XVIII España convértese nun estado unitario por mor da chamada Paz de Utrech e a desaparición dos Foros da Coroa de Aragón.
É o século no que aparece unha corrente de pensamento, a Ilustración, que propugna a reforma da sociedade mediante o recurso da educación e a superación das falsas crenzas e supersticións. Este cambio será impulsado pola burguesía e patrocinado polas monarquías absolutas, que como forma de goberno utilizan “o despotismo ilustrado” coa divisa de “todo para o pobo pero sen o pobo”.
As ideas da Ilustración foron espalladas polos pensadores franceses por medio do “Diccionario razoado das ciencias, as artes e os oficios” unha obra en vinteoito volumes, publicada entre 1751 e 1772, máis coñecido como “A Enciclopedia”, e que pretendía recoller tódolos coñecementos da época.
O labor dos ilustrados galegos orientouse á resolución dos problemas propios do país, elaborando informes e defensas de cuestións tan diferentes como a xábega, a navegación fluvial e mesmo a cría e mantemento do gando.
Ó abeiro destas ideas xurdiron numerosas sociedades e institucións: a Academia de Agricultura do Reino de Galicia, o Real Consulado Marítimo e numerosas Sociedades de Amigos do País que favoreceron algunhas bases para un certo desenvolvemento económico.
As condicións sociais seguían sendo moi negativas: unha clase privilexiada formada por clero e aristocracia percibían máis da metade da riqueza agraria de Galicia mentres que o oitenta por cen da poboación mantiña explotacións agrícolas que soportaban a pesada carga dos foros. Este panorama non facilitaba, precisamente, os proxectos de industrialización nin de dinamización da estructura económica do país.
O prototipo de ilustrado galego é sen dúbida José Cornide Saavedra, natural de A Coruña, onde nace o mes de abril de 1734.
Foi un gran animador de numerosas empresas culturais e de fomento, interesándose por temas galegos de arqueoloxía, filoloxía, historia, ciencias naturais, pesca... ó tempo que escribía poesía e teatro en lingua galega.
Desempeñou as funcións de Rexidor da cidade de Compostela, colaborando na fundación das Academias de Agricultura, o Real Consulado e as Sociedades Económicas.
Con 69 anos faleceu en Madrid cidade na que ostentaba o cargo de secretario perpetuo da Academia da Historia.



SARMIENTO

O que máis tarde sería coñecido como Frei Martín Sarmiento naceu, na noite do día nove de marzo do ano 1695, en Villafranca del Bierzo, en León, fillo de Alonso García e Clara de Balboa.
Os pais, naturais de Pontevedra, levaban anos nesta vila leonesa onde Alonso dirixía as obras da Colexiata.
Dez días despois do nacemento é bautizado na igrexa local de Santiago, recibindo os nomes de Pedro José García Balboa, aínda que será coñecido familiarmente durante a súa infancia como Perucho.
Con catro meses de idade a súa familia inicia o traslado á cidade de Pontevedra onde o seu pai é nomeado Correo Maior.
Durante o tempo que vive nesta cidade tócalle vivir as secuelas da batalla de Rande, que supuxo a destrucción da Flota da Prata de Felipe V e o nacemento da lenda do tesouro de Rande, segundo a cal quedan no fondo da ría de Vigo unhas enormes cantidades de riquezas que viñan de América. De resultas do ataque das tropas inglesas e holandesas prodúcese en Pontevedra un enorme caos e Sarmiento, con só sete anos, queda perdido polas rúas da cidade, sen do recollido temporalmente por unhas monxas que o levan ó veciño mosteiro de Tenorio.
Nestes primeiros anos estudia na escola dos xesuítas, no Colexio da Compañía, aínda que non gardará moi bos recordos desta etapa escolar por obrigarlle o seu mestre a falar en castelán, idioma que non dominaba.
Esta estadía en Pontevedra dura ata os quince anos, idade á que marcha ó convento de San Martín, en Madrid, para face-lo noviciado da Orde benedictina.



SARMIENTO, O MONXE

Unha vez que profesa, trasládase durante tres anos ó mosteiro navarro de Irache, onde cursa estudios de Filosofía, e despois dunha breve estancia en Madrid, matricúlase na universidade de Salamanca, unha das máis prestixiosas do país.
Nesta universidade cambiará o seu verdadeiro nome polo de Martín Sarmiento. O motivo non era outro que a coincidencia na súa clase de varios alumnos co apelido de García e outro co de Balboa, así que decide chamarse Martín en honra ó convento no que profesara e Sarmiento por se-lo segundo apelido da súa nai.
Durante a época de estudiante en Salamanca traballará na biblioteca do Colexio de San Vicente, servindo de amanuense a Frei Manuel Navarro, un intelectual autor dun tratado relativo ós anxos.
Unha vez que remata os seus estudios en Salamanca é destinado, xa como profesor, a varios conventos da orde de San Bieito. Despois de breves estancias no de Eslonza, a pouca distancia de León e no de Celorio, en Asturias, chega ó convento de San Vicente, en Oviedo onde coincide co frade galego Benito Jerónimo Feijoo.
Feijoo leváballe a Sarmiento dezanove anos, polo que as súas mentalidades serán tamén diferentes aínda que os dous están considerados como homes de moi ampla cultura, a de Feijoo era producto da adquirida nos libros mentres que a de Sarmiento era non só dos libros senón producto da observación da natureza e das xentes.
Jerónimo Feijoo tiña a firme determinación de loitar contra as supersticións e as falsas crenzas da época, consecuencia da falta de cultura da poboación. Para conseguir esto dedicouse a escribir pequenos artigos que acabou recompilando no «Teatro Crítico Universal».
Esta obra tivo grandes detractores pero tamén grandes defensores como o propio Sarmiento que escribirá un libro titulado “Demostración crítico-apologética de el Teatro Crítico Universal”, única obra súa publicada en vida, e na que defende as teses do seu mestre e amigo Feijoo.
Despois da súa estancia en Oviedo é destinado de novo a Madrid e aproveita este desprazamento para visitar, en Pontevedra, á súa nai, que xa conta con 75 anos de idade.
Nesta primeira visita a Galicia, despois de profesar como relixioso, visita Luarca, Ribadeo, Mondoñedo, Betanzos, A Coruña, Pontevedra, Santiago, Tui, Ourense, León, chegando ó convento de San Martín, en Madrid, cinco meses despois da súa saída de Oviedo.
Desta visita non fixo diario ningún, aínda que por anotacións que deixou nos seus escritos sabemos que se dedicou a visitar bibliotecas, ler libros antigos e falar coa xente, actividades que el consideraba máis unha diversión que un traballo.
Os vinte seguintes anos vainos pasar case integramente en Madrid, recluído na súa cela do convento e dedicado ó estudio das máis diversas cuestións.
É durante esta etapa cando escribe e imprime a defensa da obra de Feijoo.
A obra, en dous volumes, tivo varias edicións por mor do enorme éxito co que foi acollida.
A longa estancia madrileña truncarase pola celebración en Valladolid dun Capítulo Xeral da Orde Benedictina que Sarmiento aproveita para desprazarse por segunda vez á súa terra, “farto de homes e libros”.
De novo en Galicia e cun libro en branco no que irá escribindo o seu diario, vai apuntando tódolos lugares por onde pasa, os vexetais que ve, as froitas e froitos cos seus nomes galegos, os peixes, mariscos e cunchas; as aves, outros animais e moitas voces galegas.
Nesta segunda viaxe vaise afeccionar á botánica, á historia natural e á lingua galega, indagando a orixe de cada palabra que escoitaba e localizando de que palabra latina procedía.
Este tipo de traballos converten a Sarmiento nun precursor dos estudios de lingüística románica e descubridor das leis da fonética histórica.
Nesta viaxe entrou en Galicia pola localidade do Cebreiro, pasando por Samos, Sobrado e Lugo ata chegar a Pontevedra, onde permanece máis dun mes na compaña dos seus irmáns.
Aproveita esta estancia para percorre-las terras do Salnés, As Mariñas, O Barbanza, O Morrazo, Celanova, Ourense... sempre apuntando datos, ata cubrir catro cadernos, de vinte pregos cada un, coas voces galegas que oíra en Pontevedra e no resto do país.
Regresa de novo ó seu convento madrileño despois de pasar nove meses e un día percorrendo a súa terra, “con saúde e gusto, gozo, contento e felicidade”.
O seu repentino interese, xa con cincuenta anos cumpridos, pola lingua e os temas referidos a Galicia é considerado como unha extravagancia polos seus contemporáneos polo que Sarmiento tenderá a agachar estes importantes traballos.
Pero coa morte de Felipe V e a subida ó trono do seu fillo Fernando VI decídese a redactar unhas coplas en galego en honor do novo rei.
En “Coloquio de vintecatro galegos rústicos” Sarmiento narra a xuntanza dun grupo de galegos que veñen da sega de Castela e contan e describen a morte do monarca e os festexos de coroación do novo. Un texto en galego escrito un século antes de que Rosalía de Castro escribira “Cantares Gallegos” a obra coa que comeza o Rexurdimento da literatura galega.
A fame que no ano 1754 arrasa Madrid fai que Sarmiento realice a súa terceira viaxe a Galicia, a máis longa e a máis planificada de todas. É durante este período que escribe sobre a orixe da lingua galega, comeza o catálogo de voces vulgares, o de voces galegas de diferentes vexetais, o catálogo de voces e frases en lingua galega ...
Ano e medio despois da súa saída volta a Madrid, xa con 60 anos.
É esta a época máis fecunda, a de maior producción literaria. Pasa moitas horas na súa cela redactando informes, escribindo sobre botánica, educación, xeografía, etimoloxías do castelán e galego... Tanta é a dedicación ó estudio que chega a ter na súa cela máis de oito mil libros, un telescopio, un microscopio, un astrolabio, un reloxo de sol, un estoxo matemático... Alí come, cea e recibe ás visitas.
Tantas horas de encerro, sen moverse vano convertendo, segundo as súas propias palabras, nun inútil.
Dous anos antes da súa morte confesa que xa non ve, nin oe, nin se pode mover da cadeira, perdendo a soltura para a escritura.
O sete de decembro de 1772, cando contaba 77 anos de idade, falece na súa cela do convento madrileño de San Martín.
O seu corpo foi sepultado no mesmo mosteiro, na Capela do Cristo. Trinta e seis anos despois, durante o reinado de José Bonaparte, a igrexa foi derrubada e os restos de Frei Martín Sarmiento desapareceron.



SARMIENTO E O GALEGO

Sarmiento interesouse por case tódalas ramas do saber e escribiu sobre todas elas, ben por encargo ou ben por propia iniciativa. A súa obra é inmensa, sobre todo no que se refire á botánica e ó estudio das linguas, exercendo tamén como naturalista, pedagogo, historiador, etnógrafo...
Foi un firme defensor do idioma galego, sostendo que o galego se debía de empregar nas escolas e que todo mestre que quixera exercer en Galicia debería coñece-lo seu idioma.
Tiña moi clara a súa propia experiencia nos estudios cando se veu na obriga de falar en castelán e mesmo en latín, deixando de usar o idioma galego, o seu idioma natural, o que mellor dominaba e no que mellor se expresaba.
Os estudios realizados nas escolas galegas no século XVIII realizábanse seguindo textos latinos que había que traducir ó castelán, así que non resulta difícil imaxina-lo atrancos que tería un galego falante no momento de querer estudiar. Para complicar máis este panorama Sarmiento aporta o dato de que a maioría dos mestres “non naceron no país nin fixeron estudios de lingua galega”
Pero non se limitou a defender o uso do galego no ensino senón que tamén arremeteu contra a práctica de igrexa católica, a súa propia igrexa, de non espalla-la súa doutrina no idioma do país, chegando a propoñe-la convocatoria dun sínodo ou concilio para rematar con esta práctica. Para soster esta petición chega a cita-lo caso dos confesores da catedral de Santiago, que poderían atender a calquera peregrino na súa lingua natal agás ós galegos que o terían que facer en castelán pois non había confesores que usaran este idioma.
Non podemos esquecer que Sarmiento vive nun momento no que a monarquía española intenta homoxeneizar a tódolos pobos baixo o seu réxime, tanto no que se refire ás leis, como os costumes e as linguas. A oposición a estes intentos uniformadores supón en Sarmiento un alto grao de visión crítica, moi por encima da normal na época.
Denuncia a desaparición do uso do galego nos documentos públicos, os que antes se escribían en latín ou en galego pásaronse a escribir en castelán; e este cambio realizase sen ningún tipo de consulta previa, nin acordo de ningunha institución galega. ¿Cal foi a causa deste proceso de castelanización?. Sarmiento cre ve-la causa na chegada, durante o século XVI, de funcionarios non galegos que descoñecen o noso idioma e fanse cos mellores postos nas administracións civís e relixiosas.