Letras Galegas
2018
2017
2016
2015
2014
2013
2012
2011
2010
2009
2008
2007
2006
2005
2004
2003
2002

Antón Avilés de Taramancos





Xosé Antón Avilés Vinagre naceu no seo dunha familia humilde de labregos o seis de abril de 1935 en Taramancos, topónimo que posteriormente utilizaría para o seu nome literario, na parroquia de Boa, a tres quilómetros de Noia na provincia da Coruña.
Fillo de Severiano Avilés Outes e Manuela Vinagre Fuentes, era o máis vello de catro irmáns.
As dúas referencias fundamentais na vida do poeta foron a súa nai e a súa avoa, Josefa Fuentes Queiro «Pepa da Pastora». Estas mulleres representan a permanencia, a estabilidade e a conexión do poeta coa terra fronte a mobilidade dos membros masculinos da familia, emigrados ou exiliados.
Delas aprendeu os labores da labranza e sementeira, «a grande aventura da infancia» en palabras propias. O seu pai sofreu cárcere durante a guerra civil do 36 e exiliouse unha vez rematado o conflicto, percorrendo, como mariñeiro, diferentes países.

A súa portentosa vocación literaria iníciase nos últimos anos escolares o mesmo que xa afirma, dun xeito transcendente, a súa conciencia crítica da realidade da terra, con numerosos poemas, escritos en lingua galega.
Con quince anos xa enviara unha primeira colaboración á revista «Tapal» que se editaba en Noia, e en 1952 acada o primeiro premio de Certame Literario de Noia no que leu, diante do galeguista Ramón Otero Pedrayo, os dous poemas que enviara: «Antón de Noia» e «Cadarso».


OS ANOS CORUÑESES

Na Coruña comezou os seus estudios de Naútica, carreira que non conseguiu rematar, sobre todo pola súa falla de interese e contradecindo os desexos do seu pai de que chegase a ser mariño mercante.
Testemuñas de aventura coruñesa polos comezos dos anos 50, coma Manuel Álvarez Torneiro, lembran o seu monolingüísmo en idioma galego e o seu ideario nacionalista. Esta ideoloxía póñeno en contacto con intelectuais de todo tipo: Reimundo Patiño, pintor; Xohan Casal, escritor; Henrique Iglesias e Eduardo Martínez. Todos eles, nunha noite de 1954, asinan o Xuramento da Laracha que os vencella «na defensa dunha Galicia ceibe e popular». Deste núcleo xurden os contactos con Vilar Chao, os irmáns Carré Alvarellos, Martínez Barbeito e os encontros con Manuel María e con Uxío Novoneyra.
Foi contertulio, na Tasca Enrique na coruñesa rúa Compostela, dos poetas Miguel González Garcés, Manuel Álvarez Torneiro, do novelista Mariano Tudela, os pintores Urbano Lugrís, Xosé Luis e Vilar Chao.
En canto a súa relación con Urbano Lugrís este enche os días máis felices pero tamén os máis duros da bohemia coruñesa do poeta.
Este polifacético pintor, de liña surrealista, deixa en Antón unha pegada imborrable recoñecible a través dos poemas que lle adicou, das evocacións xornalísticas e nas invocacións do poeta ó seu amigo ó longo de toda a súa obra poética.
Comparten fame e lume de soberbia fantasía, lectura de poemas nos idiomas orixinais, esmorga e ronda de viños polas rúas da Estrela, Olmos e Galera.
Ó falecemento de Lugrís comezará Antón a utilizar o seudónimo de Ulises Fingal, que fora unha creación do mesmo Lugrís.
Vivía Antón nunha bufarda da pensión «A Flor Noiesa», na praza de Santa Catalina, compartindo este espacio cun ruso e cun xove holandés.
Na década dos cincuenta apareceron os seus poemas en varias publicacións: «Sonata Gallega», de Rianxo; «Lar», de Bos Aires, onde publicou os poemas «Meu anceio», «O muiñeiro», «A Castelao» e «Lume que morre»; «Aturuxo», de Ferrol; «La Noche», de Santiago; «Quatro Ventos», de Braga e «Atlántida» da Coruña.
Durante o período do seu servicio militar en Ferrol, publica o seu primeiro poemario, sete composicións baixo o título «As moradías do vento», que o sitúan na primeira liña dos poetas da postguerra.
En 1959 publícase «A frauta e o garamelo», e un ano despois é finalista do certame de poesía «Brais Pinto», creado en Madrid por un destacado grupo de estudiantes galegos animados dun esixente espírito anovador e crítico, co novo libro «Pequeno Canto», que non sería publicado ata o ano 82.
No ano 1961 coñece a Salvador García Bodaño que veraneaba, na praia de Boa, coa súa familia e a súa amiga Maricarmen Pereira, de quen Antón se namora. Anteriormente na Coruña tivera outra moza: Fina Barrios, morta prematuramente. Ámba-las dúas mulleres serán fonte de inspiración de varios poemas.


EN COLOMBIA

Xosé Neira Vilas envioulle un paquete de libros a Avilés entre os que aparecian títulos de Marx e Lenin, autores prohibidos polas autoridades franquistas. Este paquete foi interceptado pola policía, que inicia os trámites para a detención de Avilés, pero este é advertido por un inspector de policía que tamén lle aconsella que marche do país. Este feito, unido ó seu incerto futuro económico, fai que emigre cara a Colombia, orientado polo cónsul deste país na Coruña.
A finais do 1961 sae para Colombia, país do que non voltaría ata 1980. Vinte anos no que estivo moi afastado do mundo literario, agás algunha que outra carta con algún vello coñecido.
Durante este tempo é salientable o poema de exaltación e desespero por mor da morte do seu gran amigo Urbano Lugrís, publicado o 11 de agosto de 1974 en «La Voz de Galicia», polo que sentía unha gran admiración. Foi unha época de paréntese, na que deixou a súa actividade política, actividade que non retomaría ata a súa volta a Galicia.
En Colombia realiza todo tipo de traballos. Foi editor, campesino, cazador de tigres, libreiro, domador de cabalos, contrabandista, afiador, churreiro, xornalista... En Bogotá axudou na tenda de música dun galego, traballou nunha fábrica de manteiga, como maordomo na embaixada de Brasil, rexentou un negocio de churrasco, traballou de camareiro, vendeu libros a domicilio..
Nese país americano coñeceu a Miguel de la Cuadra Salcedo con quen recorreu a selva e tivo a oportunidade de vivir experiencias de dimensións extremas e aventureiras. Outra imaxe menos aventureira é a dun Avilés máis normal, que chega a América con só nove dólares e unha bolsa de noces da súa aldea de Taramancos.
Ó pouco de chegar a Colombia coñeceu á que sería a súa muller, Sofía Vaquero Céspedes e coa que tivo tres fillos: Santiago, Luis e Guillermo.

Os dous, Antón e Sofía, traballaban na embaixada de Brasil, ela coma doncela e el coma maordomo. En 1971 foron para Cali e nesa cidade rexentou a Librería Cultural Colombiana coa que obtivo certo benestar económico e un maior contacto co mundo intelectual colombiano. É nesta época cando coñece ó poeta chileno Pablo Neruda.



DE VOLTA A GALICIA

Avilés considerábase colombiano de adopción pero eso non lle impide que, no ano 1980, unha vez instaurada e consolidada a democracia en España, decidise voltar a Galicia.
Unha vez no seu país tenta abrir, sen éxito, unha librería en Compostela e posteriormente abre a «Tasca Típica», unha taberna situada nos baixos dunha casa medieval en Noia.
Dende que voltou a Noia a súa actividade cultural na vila foi moi salientable: recompilou textos antigos e poemas de ausencia, é elexido presidente da Asociación de Escritores en Lingau Galega... e en 1987 asume, como concelleiro do BNG, a área de Cultura da vila noiesa.
Durante os catro anos que dura o seu mandato o seu labor é incesante, potenciando a vida cultural noiesa, primeiro coa construcción da Casa da Cultura, que na actualidade leva o seu nome e dotada dunha fermosa biblioteca moi demandada no concello.
A esta actuación seguíronlle a Escola de Música, a restauración do órgano da igrexa de San Martiño, a creación da Escola-Obradoiro de Santa María A Nova e o seu museo de laudas gremiais.
Tamén impulsa o labor da Asociación Cultural «Catavento”, impulsa numerosas festas populares, crea a Semana de Teatro Infantil...
Outra das súas grandes iniciativas foi a recuperación do Coliseo Noela, un teatro en estado de semiabandono, que Avilés intenta recuperar como axente dinamizador das artes escénicas do concello e da comarca. Esta recuperación, que na actualidade é unha realidade, foi rematada despois da súa morte.

A pesar da súa intensa actividade política e cultural segue escribindo sen parar.
Publica bandos que son auténticas xoias literarias, fai teatro, traduccións, colabora en revistas, viaxa a encontros poéticos por toda Galicia, Portugal, Esukadi, Suiza...
Publicou en 1982 o poemario «O tempo no espello» ó que lle seguirán «Cantos Caucanos», que recibe o Premio da Asociación de Críticos de España e «Nova Crónica das Indias», un libro de relatos publicado no 1989 e con numerosas referencias autobiográficas da súa estancia en Colombia.
Tamén no ano 1989 publica a súa obra máis importante: «As torres no ar», na que transmite a tensión da aventura e da fuxida.
A súa obra poética é a parte máis importante do seu labor literario, pero tamén ten obra teatral e narrativa.
Morre Avilés a finais do mes de marzo de 1992 na cidade da Coruña onde estaba internado para se tratar dun cancro.
Foi soterrado no cemiterio de Boa, co cadaleito cuberto coa bandeira nacional galega, tal como lle pedira ó seu fillo Luis, e acompañado por unha chea de amigos que entoaron o himno galego cando o seu corpo foi depositado na terra baixo o orballo e as primeras sombras da noite.
Dende o ano 1995 medra á porta do cemiterio a cerdeira que el mesmo convidara a plantar como símbolo de vida. Ó seu carón a Asociación de Escritores en Lingua Galega, da que Avilés fora presidente, gravou nunha lousa o que ben podería se-lo epitafio do poeta do Barbanza:

«Imos plantar unha cerdeira nova,
temos que darlle esa alegría ó vento»