Letras Galegas
2018
2017
2016
2015
2014
2013
2012
2011
2010
2009
2008
2007
2006
2005
2004
2003
2002

Antón Avilés de Taramancos





A OBRA POÉTICA

Antón Avilés de Taramancos figura xa na historia da literatura como un dos máis importantes poetas galegos da segunda metade do século XX. Pertence Avilés á xeneración de Ferrín, cun verso rebuscado e difícil, dirixido a un público reducido e culto.
A súa obra podémola dividir en tres grandes apartados que coinciden coa súa estancia na Coruña, en Colombia e, xa de volta ó país, en Noia.


CICLO CORUÑÉS

(Década dos 50)
É a etapa de formación do poeta que explora o mundo da natureza: os bosques do Barbanza, paxaros e árbores en detallada variedade e o universo amoroso da experiencia xuvenil.
As obras que pertencen a este ciclo son as seguintes:

*As moradías do vento.- Separata da revista Atlántida aparecida en decembro de 1955. Este título está constituído por sete poemas. O fío unificador é nesta ocasión o vento que actúa como personaxe central en cada poema.

«Érguese agora o vento quedamente
nas técolas de orballo estrelecidas.
No voo dos paporoibos, e das rulas,
pola infinda canción das cotovías.

Aceso vento na mañá camiña
con recendos de rudas e margaridas.»

*A frauta e o garamelo.- Publicada por Moret en 1959 (sae dos obradoiros da imprenta por subscrición popular entre os seus amigos de tertulia e asiduos de tascas e cafés coruñeses). Son once poemas con debuxos de Alexandre González Pascual «Lixandre» , dos que os nove primeiros están numerados en romanos e os dous últimos levan os títulos «Cántico do Albre» e «Carta a un corvo que se chama Alberte».
O libro tivo unha tiraxe moi reducida, foi distribuído no círculo íntimo de Avilés o que fixo del un texto de difícil acceso ata a súa reedición. Neste título a forza poética constitúena os paxaros-xerín, merlos, pombas, paspallás, garamelos... que son os protagonistas dun animado xardín. A unidade vén dada pola exaltación e homenaxe á natureza próxima á experiencia da súa nenez en Taramancos.

«Gregorián asubío,
vermello sancristán nas cereixeiras,
mencer de febles mans acaecido.

O medio día merlo a flor do sangue.

Fío longo o serán, espiga núa,
tremor de folla tenra na silveira,
doce coitelo e morno na seitura do día.»

*Pequeno canto.- Son dezanove poemas adicados á súa primeira moza, Fina Barrios. No ano 1960, morta a protagonista, o autor engade un soneto: Primeiro Amor Primeira Morte.
En Pequeno Canto utiliza a semántica da navegación para contruír símbolos e alegorías da propia existencia.
Este libro é valorado obtendo o premio «Brais Pinto», acontecemento que o vencella co grupo de escritores dos 50 residentes en Madrid. O libro non será publicado ata que se incorpore o volume «O tempo no espello».

«A carón dos veleiros de alta proa
eu vou co meu amor. As ondas corren
con moi lixeiros pés: e canto forte
coma un nobre patrón de rutas vellas.

Leva o vento rizado unha gaivota
na túa fronte azul e ribeirana.

Ai, que me doe o sangue de quererte
pola beira do mar!. Esta saudade
de antigo gavieiro en pailebote
soio no teu amor pode coidarse....»

*Poemas soltos a Maricarmen Pereira.- Son dez composicións. O primeiro poema recibe o nome de Pórtico. Son todos de agosto de 1961, pero serán publicados por vez primeira no ano 1982 incorporados ó volume «O tempo no espello».

«Canta meu capitán.
O viño rise tras do limpo cristal,
a súa palabra
tráenos aquel amor antigo
que mergulla nos ámbitos do sangue.

¡Nunca proa tan xoven
rachou a inmensidade
nin máis garrida nave
ceibou tanta longura!
¡Canta meu Capitán!
As estrelas estarían mellor nunha copa de vermello viño.»


CICLO COLOMBIANO

(Década dos 60 e 70)
Este ciclo está marcado pola experiencia vital no exilio colombiano no que sofre de saudade.
*Os poemas da ausencia.- Corresponden a dous momentos de gran intensidade creativa, nos anos 63 e 69. O valor unitario da obra «está enraigado no colo da terra». A labranza é conquista, é loita, é arquitectura e liberdade da terra.
Hai nestes poemas un alegato contra o colonialismo norteamericano e contra a guerra nuclear. Salientan nesta época os poemas «Cántico de anguria pra arrola-lo meu neno» e «Pranto por Urbano Lugrís».

«Estou agora, Urbano, mordendo unha flor negra no medio da vida
cunha sede abismal de beber tódolos cráteres do mundo
de onde vai sir a túa voz de capitan antigo bruando
coma un temporal oceánico, ou acaso o balbordo
das carballeiras silúricas onde zunía-lo teu corno de ouro.»

*Nova Crónica de Ulises.- Obra de 1978, que sería publicada no libro «O tempo no espello». É un feixe de 9 poemas nos que comeza a a intuí-la nostalxia de Colombia.

«Agora teño saudade
do futuro que hei de andar
lonxe da miña cidade.

Cúpulas brancas ó ar:
E sinto na eternidade
o corazón a soñar.»





CICLO NOIÉS

(Década dos 80)
É o tempo no que utiliza o seudónimo de Ulises Fingal ó voltar de novo á súa terra natal.

*Tempo no espello.- É a recompilación de toda a obra anterior ó regreso e inclúe dous títulos editados como volumes independentes e catro inéditos, aínda que un deles, «Os poemas da ausencia» é parcialmente coñecido. Este libro foi o rencontro feliz, un libro celebración da palabra e da memoria que se publica no ano 1982 por Edicións do Castro e cun prólogo de Salvador García Bodaño.

«Eu amo as minerais entrañas do meu eido,
quixera un momento que o soterrado seixo
rubira ata os meus labios e sentírase vivo,
vivo como unha fera bruantemente viva
que o amor domeara da súa escuridade.

Ir caíndo en pingueiras enriba da estrutura
do antracito, do wolfram, onde florece o ouro
e treman as turbinas das burgas e da noite
que atefegada dorme no corazón da terra»

*Cantos caucanos.- Publícase en 1985 . Con esta obra obtén o Premio da Asociación de Críticos de España.
Reflicte a saudade polas terras americanas co río Cauca como protagonista. É de carácter épico aínda que o poema «Crónica ferida» é de carácter lírico.

«O indio Agualongo
instituído persoalmente coronel dos exécitos reais
vixía o paso de Sandoná con catrro mil pastusos,
anchos, pequenos, fortes, de ollo enfurecido e de macana,
dispostos a morrer polo surrealismo.
Bolívar de casaca vermella, estira o catalexo
e pronuncia unha frase para a Historia:
«Ninguén nos vencerá».

O oráculo minteu coma un bellaco ese día.
*As torres no ar.- Toma este título da expresión da súa avoa: «¡Ai meu fillo, ti sempre a facer torres no ar». Publícase no 1985. Nace do enlace do poeta adulto e a xeografía íntima da súa nenez. É o libro da celebración vitalista, do entusiasmo ensimismado. A terra, o mar e o amor son desenvoltos nas partes tituladas sucesivamente: «Cantos a carón da terra», encabezado por un poema no que amosa o amor pola súa nai.

«As torres no ar» supón a consagración definitiva de Avilés como poeta.

«Velaquí como alzo baruda arquitectura:
mozos da miña carne brincarían na eira
e entón a miña patria sería xa tan ceibe
que non houbera aceiro nen pouta vixiante
que esta forza que eu planto ó seu pé so metera.»
*Nova Crónica das Indias.- Publicada en 1989. A obra ten como función principal «a de garda-la memoria dos feitos de lembranza». Avilés recoñece que nas Crónicas hai moito da súa historia persoal.
Consta de 16 relatos ou pezas que se inician mediante un limiar diferenciado do resto polo emprego da letra cursiva. Comeza na casa, na infancia, o escenario inicial comeza nunha aldea de labregos con mar de fondo. Neste ámbito os homes atopan alternativas na emigración, mentres as mulleres constitúen unha presencia constante durante o tempo da infancia, ocupándose das tarefas da terra e da casa.
É o único libro escrito en prosa. Algúns dos relatos están marcados pola dureza do vivir ou por aventuras que rozan a épica.

«A cóbrega é outra cousa. Silandeira, inesperada, cobarde, enganosa, mimética. Tamén hai cóbrega que se arrepón, que se ergue segundo o seu tamaño e non quere deixar paso a ninguén. Máis para a cóbrega hai machete, e cando é ben grande tiro de fusil. E aínda pode servir de merenda, pois hai serpe de auga, de carne de toro branco, que é un manxar na brasa do lumeiro. Sabor de congro sen sal.”

*Última fuxida a Arar.- É o poemario póstumo, publicado no ano 1992.
A unidade vén dada pola ambientación no medioevo. É a obra de maior compromiso nacionalista de Avilés polo que ten de reflexión sobre a identidade cultural e histórica de Galicia.

«Meu capitán, é hora, é hora
de limpar os fanais, os astrolabios,
de abrir as caixas de ébano,
de polir bronces, de airear
as bandeiriñas do pañol e ver
esas charnas no ar de proa a popa.

É hora de prender lume na tarde!

*Obra viva.- Neste volume recóllese unha mostra dos diversos ciclos da poesía de Avilés con menor presencia da obra inicada en 1963, data na que o poeta comeza a escribir «os poemas da ausencia». Contén tamén unha escolma dos poemas dispersos en publicacións periódicas con especial atención ós aparecidos desde a volta do poeta a Galicia.

«Aínda agora escoito a súa voz -que el decía que era voz de con, de furna, de océano a fungar embravecido- cando cantaba, apoiado o cóbado no mostrador do «Paspán», tasca coruñesa de escura luz e clara cortesía, esa cantiga popular que debe vir de tempos remotos

Malpica de Bergantiños
El Rei te quixo vender:
Para comprar a Malpica
Moitos cartos hai que ter...»