Letras Galegas
2018
2017
2016
2015
2014
2013
2012
2011
2010
2009
2008
2007
2006
2005
2004
2003
2002

Xaquín Lorenzo Xocas





Xaquín Mª Perfecto Lorenzo Fernández, coñecido por Xocas, naceu en Ourense o 23 de xuño de 1907, fillo do escritor e caricaturista José Lorenzo Álvarez e Joaquina Fernández Barcia.
É o pai quen se encarga dos estudios primarios de Xaquín e máis tarde do seu outro fillo, Xurxo, tres anos menor, dándolles a nai clases de francés.
O primeiro ano no «Instituto General y Técnico» de Ourense supera tódalas materias coa cualificación de notable, agás caligrafía, que aprobará no mes de setembro.
Nos últimos cursos do bacharelato terá como profesor o seu veciño Ramón Otero Pedrayo, co que coincidirá, anos máis tarde, no Seminario de Estudios Galegos e como redactor e colaborador da revista Nós.
En Santiago cursará a carreira de Filosofía, sección de Historia, alternando estudio con tarefas no «Seminario de Estudios Galegos». Contribuíndo tamén á formación do Museo de Etnografía, en Fonseca, sendo nomeado director do mesmo no ano 1932.
Na universidade participou en movementos estudiantís tendo que marchar a Zaragoza para remata-los estudios por mor da súa militancia política.
Os anos de formación de Xocas forxáronse entre as cidades de Santiago e Ourense. Nesta última vaise incorporar ás tarefas culturais do grupo Nós. Asistindo ás tertulias de Vicente Risco donde traba relación con López Cuevillas; e consecuencia desas relacións serán os seus estudios etnográficos e arqueolóxicos.
No 1930 é nomeado secretario terceiro da Irmandade Galeguista en compañía de Otero Pedrayo, Vicente Risco, Cuevillas e seu irmán Xurxo, entre outros, aínda que a súa participación no mundo político foi pequena.
No 1935 foi a Madrid a traballar no Centro de Estudios Históricos, con Menéndez Pidal, colaborando tamén na campaña a favor do Estatuto de Autonomía.
Nos comezos da guerra civil atópase en Galicia e é mobilizado polas tropas franquistas, resultando ferido na fronte de León, pasando unha longa recuperación en Ourense onde se reencontra cos seus mestres e amigos, entre eles Xesús Ferro Couselo e Xesús Taboada Chivite.
Exerceu dende entón, e ata a súa xubilación, a docencia no Colexio Cardenal Cisneros compartíndoa coas colaboracións na prensa galega e portuguesa e con traballos arqueolóxicos e etnográficos.
É precisamente na década dos 50 cando se dedica a traballar na Historia de Galicia, unha obra fundamental na cultura galega que dirixía Pedrayo e era financiada polo Instituto Arxentino de Cultura Galega.
Diversas distincións e honores recoñeceron o seu traballo intelectual: académico da Real Academia Galega e de diversas institucións estranxeiras, colaborador activo do Seminario de Estudios Galegos e fundador do Padroado.
En 1965 recibiu o Pedrón de Ouro, un dos primeiros galardóns que se concederon en Galicia a personalidades que se dedicaron ó traballo cultural a prol do país.
Participou no 1967, xunto con outros intelectuais, na fundación da Agrupación Cultural Auriense nun intento de crear un punto de encontro entre novos e vellos galeguistas.
Fundador e primeiro presidente, no 1976, do Museo do Pobo Galego, o que lle cedeu variado material etnográfico.
No 1984 a Xunta de Galicia outórgalle a medalla Castelao.
Xocas era unha persoa humilde, reservada, agradecida, xenerosa, amante de todo o relacionado con Galicia, o folclore, as tradicións, a lírica popular, a etnografía... Foi un home que segundo escribiu Francisco Fernández del Riego «dedicou, sobre todo, o seu entusiasmo investigador, ao estudio da cultura material da que o pobo galego foi deixando claros expoñentes ao longo do tempo».
Finou na casa familiar de Lobeira no mes de xullo do 1989.


OS PRIMEIROS PASOS

O primeiro artigo periodístico de Xocas foi escrito no xornal vigués El Pueblo Gallego, cando só contaba dezanove anos, rematara os estudios nas Facultades de Filosofía e Letras e Dereito na Universidade compostelá e xa era membro do Seminario de Estudios Galegos dende había uns meses.
Este primeiro artigo trataba sobre a ortografía do idioma galego, concretamente sobre o uso da letra j, o apóstrofo e as normas para a formación dos plurais.
Nesta mesma columna de El Pueblo Gallego tamén aparecían traballos de Vicente Risco, Leandro Carré, Bouza-Brey...
As seguintes colaboracións periodísticas hai que buscalas ó ano seguinte, o 1927, na revista Nós e consisten en diversas narracións populares.
Esta revista fora fundada en Ourense no 1920 e representou o órgano de maior relevo cultural galego ata o ano 1936, cando comeza a guerra civil española e estraga todo o labor que se fixera ó longo de dezaseis anos.
Ó redor desta revista estaban agrupados un grupo de intelectuais galegos que traballaban a prol da dignificación da cultura do país e da súa introducción nas correntes literarias europeas máis importantes da época.
Este grupo de intelectuais, que serán coñecidos polo nome de Xeración Nós, estaba formada por autores da categoría de Otero Pedrayo, Risco, Florentino L. Cuevillas, Castelao...
O primeiro número da revista sae á luz en outubro de 1920, cando Xocas só tiña trece anos de idade, pero é posible que acudira co seu pai ós consellos de redacción que se celebraban na casa ourensá de Risco.
A edición de Nós, ó longo dos anos, sufriu diferentes atrancos, trasladando a súa impresión de Ourense a Pontevedra e máis tarde a Coruña, xa no ano 1925, nos talleres de Ánxel Casal.
A aportación de Xocas á revista consiste en dous relatos populares. «Os tres irmaus» e «Os labregos e o xuíz» e doce artigos propios ou en colaboración con outros autores: «Medicina rústica», «Un casamento en Lobeira», en cooperación co seu irmán Xurxo e con debuxos do seu pai, «A lenda da ermida de Aranga», «As dornas de Porto do Son»...
Cando a situación económica de Casal, o editor, pasa por momentos complicados o mesmo Xocas que publica un chamamento en El Pueblo Gallego reclamando a mobilización popular para a salvación da editorial e da propia revista.
Uns poucos anos despois, no 1936, ó comezo da guerra civil, Casal, que era daquela alcalde de Santiago e vicepresidente da Deputación da Coruña, é detido polas tropas franquistas aparecendo morto nunha gabia en Cacheiras uns días despois. A morte de Casal supón tamén a desaparición da edición en Galicia da revista Nós.


O SEMINARIO


A orixe do Seminario de Estudios Galegos haina que atopar nunha visita realizada por un grupo de universitarios, no ano 1923, á casa onde Rosalía de Castro pasara parte da súa infancia, no lugar de Castro de Ortoño, no concello de Ames.
O obxectivo fundamental deste Seminario non era outro que o do estudio de tódalas manifestacións da cultura galega, a formación de investigadores e a difusión dos seus traballos.
Este Seminario xurde nun momento no que a dictadura de Primo de Rivera desmobiliza ás Irmandades da Fala, institución creada no 1916 para a defensa, dignificación, cultivo do idioma galego e impulsora de iniciativas culturais, que chega a editar unha revista totalmente en galego «A Nosa Terra».
A actividade do Grupo Nós e da súa revista sofren tamén un importante parón.
Pero o que en principio podería ser unha situación desfavorable posibilita que moitos intelectuais das Irmandades e de Nós acaben integrándose no Seminario de Estudios Galegos.
Para un traballo máis operativo divídese o Seminario en Seccións, cun director á cabeza de cada unha delas.
A primeira Sección creada, no ano 1923, foi a de Historia, que contou entre os seus membros con Filgueira Valverde, Fraguas, Bouza-Brey... e o mesmo Xaquín Lorenzo.
Nese mesmo ano créanse as Sección de Filoloxía, a de Xeografía, presidida por Otero Pedrayo e a de Arte e Letras, baixo a dirección de Afonso R. Castelao.
Uns anos máis tarde xurdirán as Seccións de Prehistoria, Arqueoloxía, Ciencias Naturais... sempre buscando a completa cobertura de tódolos campos do coñecemento, e sempre desde unha perspectiva xenuinamente galega.
O primeiro de maio de 1926 Xocas presenta, animado por Florentino López Cuevillas, o seu amigo, un traballo de ingreso no Seminario de Estudios Galegos que leva por título «O carro galego», que lle permite a súa entrada como socio activo e de pleno dereito, cando aínda non cumprira os dezanove anos.
O seu labor no traballo do día a día no Seminario quedará facilitado polo seu traslado a Compostela para seguir estudios de Filosofía e Letras no curso 1931-32. Este traslado significa que tamén poderá desempeñar cargos dentro da institución, pasando a formar parte da comisión directora, co cargo de contador e levando, tamén, a dirección do museo de Fonseca.
Durante o período compostelán presenta comunicacións de temática moi diferente: unha sobre o liño e la e outra sobre embarcacións.
Despois dunha breve estancia en Zaragoza, reincorpórase ó Seminario, co cargo de conselleiro permanente, cargo que non deixará ata que o Seminario queda disolto co inicio da dictadura franquista.
A disolución desta institución levou aparellado o esparexemento da súa importante biblioteca que foi confiscada pola Universidade, despois do correspondente expurgado.
Nunha carta de Xesús Carro recóllese como foi efectuado o traslado dos máis de 5.000 volumes da biblioteca ata a Universidade:
«Carretouse no mesmo día por medio dunha carriola tirada por un faco e con cestas levadas por mulleres. Os libros ían en montes, todos mesturados e caendo polo chan, sen ningún coidado. A xente, diante de semellante espectáculo, quedaba pampa e preguntaba de que se trataba. Os mozos e porteiros respondían: «É a biblioteca dos galeguistas».
Corenta e dous anos despois desta desfeita reaparece un novo Seminario de Estudios Galegos no que quedan integrados a totalidade dos membros vivos do anterior.
A finalidade do novo Seminario concrétase en fomenta-la investigación e a formación de investigadores, difundi-los resultados dos seus estudios... tomando a Galicia como eixo da súa liña de investigación, tal e como eran os obxectivos que levaron a creación do primeiro Seminario no ano 23.



O MUSEO DE FONSECA

Dentro do Seminario creouse un museo composto por pezas arqueolóxicas, artísticas e etnográficas e do que foi primeiro director o mesmo Xocas.
Este museo estaba no colexio de Fonseca, sendo clausurado ó principio da guerra civil e desaparecendo, durante os primeiros meses do enfrontamento, numerosos obxectos, algúns de prata, e posiblemente destinados ó mantemento económico das tropas franquistas.
Entre as pezas depositadas había louza de Sargadelos, pezas de acibeche, restos arqueolóxicos, cerámica popular, apeiros de labranza...
O único inventario do que se ten constancia é do ano 1941, cinco anos despois da súa clausura, cando xa o espolio fora realizado con total impunidade.



A GUERRA CIVIL

Xaquín Lorenzo foi militante da «Mocedade Galeguista de Ourense», constituída a mediados do 1920 e na que figuraban Risco, Otero Pedrayo e Cuevillas.
Dous anos máis tarde este grupo político pasa a denominarse Irmandade Nazonalista Galega, asumindo un ideario completamente galeguista e resumido nos seguintes puntos:
-Autonomía para Galicia.
-Cooficialidade do galego e castelán coa aprendizaxe do galego nas escolas.
-Igualdade de dereitos para o home e a muller.
-Recoñecemento do dereito foral galego.
-Repoboación forestal forzosa.
-Entrega á propiedade particular das terras incultas do Estado...
Xocas involúcrase neste proxecto, chegando a ser terceiro secretario da Irmandade Galeguista, que é de marcado carácter conservador e confesional católico e que vén de substituír á Irmandade Nazonalista.
Tamén está Xocas presente na fundación do Partido Galeguista, no 1931, producto da refundición de numerosos grupos políticos de ideoloxía nacionalista e mesmo participa en mitins, xunto co seu irmán Xurxo.
En xuño de 1936 é refrendado pola cidadanía galega o Estatuto de Autonomía, pero a sublevación franquista desbota os plans dun goberno propio para Galicia. É o comezo tamén da represión política e cultural que vai levar a moitos políticos e intelectuais galeguistas e de esquerdas á cadea, á morte, ó exilio ou simplemente condenados ó silencio e afastamento da vida cultural do país..
Líbrase Xocas, nun principio, da represión xa que é chamado a filas e enviado como combatente das tropas sublevadas á fronte de Villablino, en León, onde cae ferido de bala e é evacuado a Ourense, sendo posteriormente declarado inútil para o servicio de armas.
De tódolos xeitos, e por mor da súa militancia política galeguista, é sancionado polo Xulgado Instructor Provincial de Responsabilidades Políticas de Ourense cunha multa por importe de 35.000 pesetas.
Nesta nova andaina para o país e para a súa vida vai orienta-lo seu futuro profesional cara ó ensino. Comeza como profesor de instituto, ocupando a praza do seu antigo mestre e compañeiro, represaliado polas autoridades franquistas, Otero Pedrayo.
Un par de anos máis tarde comezará a impartir clases no colexio privado «Cardenal Cisneros», aproveitando as clases para obter información de carácter etnográfico dos seus propios alumnos, ós que lles encargará traballos relacionados coa cultura popular e que despois utilizará para os seus propios estudios e publicacións.



O INSTITUTO PADRE SARMIENTO

Algúns intelectuais quixeron substituí-lo Seminario de Estudios Galegos por unha institución nova que realizara traballos de investigación en Galicia creando, en 1944, o Instituto Padre Sarmiento de Estudios Gallegos, dependente da Universidade compostelá e sen local propio, tendo que alugar un na Rúa Nova santiaguesa.
A gran diferencia co desaparecido Seminario de Estudios Galegos foi o desuso do idioma galego nas súas publicacións, tendencia que non rematará ata o ano 1968 -vintecatro anos despois da súa fundación- coa publicación dun estudio de Carballo Calero sobre uns versos de Eduardo Pondal.
O propio Xocas, que tamén se integra neste Instituto Padre Sarmiento, chega a escribir varios traballos exclusivamente en castelán, rachando coa súa traxectoria lingüística de antes da Guerra Civil, exclusivamente en galego.



O MUSEO DO POBO GALEGO

Unha das grandes teimas dos membros do Seminario de Estudios Galegos, xa dende a súa creación, foi a da constitución dun museo etnográfico que recollera os apeiros e ferramentas usados polos nosos devanceiros e se vira a súa evolución ó longo dos tempos.
Para dar un primeiro pulo a esta iniciativa contábase coa aportación de coleccións particulares e solicitábase a colaboración económica das catro deputacións galegas. Corría o ano de 1926.
Os primeiros pasos para a constitución deste museo galego témolos que ver no museo etnográfico-arqueolóxico, dependente do Seminario de Estudios Galegos e que é espoliado nos primeiros anos da dictadura franquista, pasando os seus fondos a depender directamente da universidade compostelá, a única que existía en Galicia no ano 1936.
Teñen que pasar case corenta anos para que un grupo de mozos, baixo o paraugas do Colexio de Arquitectos de Galicia, inicien os trámites para a constitución dun Museo Galego de Antropoloxía, unha idea que ten moi boa acollida por gran número de intelectuais e institucións.
O 31 de xullo de 1976 constitúese o Padroado do Museo do Pobo Galego, sendo elixido Xocas como Presidente e Antón Fraguas, director, cargos que manterán ámbolos dous ata a súa morte.
É se cadra o Museo do Pobo galego a gran obra que deixou Xocas para o coñecemento dunha boa parte da cultura popular do noso país.
Creado no ano 1976, por un padroado presidido polo propio Xaquín Lorenzo, inaugurará as súas primeiras salas un ano despois nas dependencias do antigo convento de San Domingos de Bonaval cedido ó museo polo seu propietario, o concello de Santiago de Compostela.
A fundación deste convento atribúese a San Domingos de Guzmán aló polo século XIII, aproveitando a súa peregrinación á basílica do Apóstolo.
O edificio é obra de Domingo de Andrade, o mesmo autor da Torre do Reloxo da catedral de Santiago e foi construído entre os anos 1685 e 1715.
A fachada, de pequenas proporcións, é a típica das casas e pazos galegos da época. Está composta por dúas pilastras decoradas con numerosas froitas que terman dun frontón curvo partido presidido pola imaxe do patrón e rematado polo escudo da casa de Altamira con coroa real.
A triple escaleira de caracol do convento é posiblemente a de maior virtuosismo técnico do barroco galego. Unha escaleira helicoidal, nun mesmo oco e con tres ramplas diferentes, conducen a tres pisos distintos: celas, dependencias e miradoiro. Esta escaleira está considerada como un dos elemento máis singulares da arquitectura compostelá.
Coa promulgación, no ano 1836, da lei de exclaustración das ordes relixiosas o convento pasa a mans do concello de Santiago, que o destina a hospicio e a colexio de xordomudos e cegos.
Durante un tempo, unha vez suprimidas estas institucións asistenciais, o convento quedou desocupado, destinándoo o concello, no ano 1963, para Museo Municipal.
No 1977, a petición do Padroado do Museo do Pobo, é cedido o edificio para a creación do museo do mesmo nome.
Na actualidade o Museo conta con salas dedicadas ó mar, ó campo, ó traxe, á música, ás artes suntuarias, ó hábitat e á arquitectura, dispoñendo tamén de seccións de arqueoloxía, pintura e escultura.
A Sala do Mar reúne no refectorio do convento unha mostra das embarcacións máis singulares de Galicia: unha dorna da ría de Arousa, unha gamela da Garda e unha traiñeira, así como numerosas pezas, maquetas, artes de pesca e mesmo aparellos e artes de pesca prohibidas.
Na sala dos oficios están representados numerosos oficios tradicionais galegos, moitos deles xa desaparecidos ou a piques de desaparecer: latoeiros, afiadores, cantorleiros, zarralleiros, ferreiros, zapateiros, canteiros, tecedeiras... cunha mostra de ferramentas e xeito de traballar de cada un deles.
A evolución da paisaxe do campo amósase nun gran diorama na Sala do Campo no que se explican os cambios dende o Neolítico ata a actualidade, pasando pola época castrexa e a Idade Media. Exhíbense tamén gran cantidade de apeiros de labranza correspondentes ós distintos labores do campo e as pesas e medidas tradicionais.
A Sala do Traxe amósanos os dous grandes grupos de vestimentas tradicionais: a de faena e a de gala, facendo un repaso polas numerosas pezas de vestir: camisa, enaguas, refaixo, mantelo, mandil, xustillo, dengue, ...
Esta sala complétase cunha mostra de encaixe de palillos, coñecidos como de Camariñas por ser esta a zona de maior comercialización da producción.
Os instrumentos tradicionais de música como a gaita, a zanfona, os ferriños... teñen o seu lugar na Sala da Música xunto con outros artefactos capaces de producir música como as cornas, as buguinas, as cunchas...
Os oficios urbanos están recollidos na Sala de Artes Suntuarias onde podemos observar pezas de acibecheiros, que traballaban o acibeche, carbón fósil dun negro intenso, co que se fan figas cargadas de poder máxico, colares, emblemas xacobeos...
Tamén podemos ve-lo traballo dos eborarios, que traballaban o marfil para a realización de obxectos relixiosos.
Os prateiros e picheleiros traballaban o metal, os primeiros o ouro e a prata e os segundos o estano, co que fabricaban o pichel, un xerro para o viño con tapa e asa.
No claustro reuniuse unha colección de pezas arqueolóxicas prehistóricas ou medievais, das que salientan dúas estatuas castrexas así como un importante conxunto de lousas epigráficas romanas.
A Sala de Arte acolle pinturas e esculturas de autores galegos dende o século XVI ata os nosos días, con obras de Ovidio Murguía, Sotomayor, Fierro, Asorey, Eiroa, Acuña...





O NOVO SEMINARIO

O Seminario de Estudios Galegos rexurde de novo corenta anos despois da súa clausura e aproveitando unhas conferencias celebradas na cidade de Vigo, materializandose esta iniciativa en xullo de 1978, coa creación dunha Comisión Xestora que se vai encargar da redacción de estatutos, legalización, organización das seccións, captación de membros electos e numerarios...
A formar parte deste novo Seminario é invitado Xaquín Lorenzo, que acepta e pasa a ser membro numerario, ocupándose da área de traballo de Arte e Comunicación.
Non foron moitos os traballos de Xocas nesta nova etapa, xa que contaba con 76 anos de idade e un moi delicado estado de saúde, reducíndose estas colaboracións a un limiar e a nota biográfica do libro Colección de cantigas da Mahía e un breve artigo titulado «A casa e a terra», publicado no ano 1988 en Cuadernos de Ciencias Agrarias do Seminario de Estudios Galegos.