Letras Galegas
2019
2018
2017
2016
2015
2014
2013
2012
2011
2010
2009
2008
2007
2006
2005
2004
2003
2002

Xaquín Lorenzo Xocas






A OBRA DE XOCAS

Xaquín Lorenzo foi colaborador na prensa galega, brasileira, portuguesa, alemana... e pertenceu a varias institucións: membro da Real Academia Galega, presidente do Padroado do Museo do Pobo Galego, correspondente da Real Academia da Historia e da de Belas Artes de San Fernando, entidades científicas estranxeiras...
Foi autor de numerosos traballos de investigación: «A muller no cancioneiro galego» (1932), «Notas encol do Antroido en Lobeira» (1934), «As dornas de Porto do Son» (1934), «Notas arqueolóxicas do castro de Cameixa» (1948), «As xoias de Regodeigón» (1956), «Vellas artes de pesca no río Miño» (1966), «Cantigueiro popular da Limia Baixa» (1973)...
Dedicouse tamén ás escavacións arqueolóxicas, colaborando na catalogación dos castros das terras de Lobeira, en colaboración co seu irmán Xurxo e Florentino López Cuevillas.
Participou en prospeccións nos castros de Borneiro (Cabana), Baroña (Porto do Son) e Troña (Ponteareas) e escavou o castro de Cameixa (Boborás), a vila romana de Abelenda das Penas (Carballeda de Avia) e o castro de Cabanca (Castrelo do Val).
Tamén dedicou os seus esforzos a outras áreas que posibilitaron o seu traballo como investigador etnográfico e arqueolóxico, participando como guionista no documental «O carro e o home», rodado en Lobeira e que constitúe un auténtico tesouro dentro das curtametraxes producidas en Galicia.
Non son menos salientables os seus coñecementos como fotógrafo e debuxante, que aplicou a tódolos seus traballos de investigación.



¿SABÍAS QUE...

... a nai de Xocas marchou á Arxentina a reclamar unhas propiedades familiares herdadas e mantivo un preito que durou tres anos?

... Xocas preparou os seus estudios de primaria só co axuda dos seus pais, sen asistir a ningún colexio?

...o pai de Xocas foi un recoñecido caricaturista que usou o pseudónimo de Tabarra?

...Xocas era un gran coleccionista de selos de correos?

...Xocas pasaba os veráns na pequena aldea de Facós, no concello de Lobeira, en compañía da súa caseira e dedicado á lectura na súa biblioteca da Casa do Outeiro?

... Xocas era moi relixioso e moi devoto da Virxe do Viso?

...á súa morte repartiu os seus bens entre os seus caseiros de Facós e deixou a súa biblioteca ó Museo de Pobo Galego?



DOUS CONTIÑOS DE XOCAS

O 15 de agosto de 1927 Xocas publicou, no número 42 da revista Nós, estes dous contiños: O home e a cobra e As vodas no ceo, recollidos por el nas terras de Lobeira.


O HOME E A COBRA

Ía en certa ocasión un home por un camiño e atopou unha cobra por baixo dun penedo.
-Sácame de aquí- imploroulle a cobra.
Ó home deulle mágoa da cobra e tiroulle o penedo de por riba. Mais a cobra estaba aterecida co frío e non se podía mover. Entón o home meteuna no seu seo e foise con ela para a súa casa.
Mais en canto a cobra queceu, entroulle fame e díxolle ó home:
-Ai, hou; voute comer.
-Ai señora cobra- pregoulle el- . Non faga iso, que eu non llo merezo.
-Nada, nada. Voute comer.
-Ben; pois entón imos onda un xuíz e que el decida.
-Imos aló.
Saíron e toparon cunha raposa. Contáronlle o caso e pedíronlle que ela decidise.
-Eu para decidir- díxolles a raposa- teño que ver como estaban as cousas. Que se volva pór a cobra por baixo do penedo.
A cobra púxose onde estivera denantes e o home volveulle pór o penedo por riba.
-Agora- dixo a raposa dirixíndose ó home- vaite para a túa casa e deixa que a cobra morra aí por desagradecida.



VODAS NO CEO

Ía unha vez unha raposa polo monte e viu voar unha aguia moi outa.
-Ei, hou- berrando- ¿Onde vas?
-Vou ás vodas do ceo- respostoulle a aguia.
-¿E logo? ¿hai aló vodas hoxe?
-Hai; e moi boas, por certo.
-Pois eu quería ir. ¿Como faremos?
-Eu levareite.
Entón a aguia pousouse no chan, a raposa subiúselle ás costas e botaron a voar.
Ó ir xa moi outos a aguia fixo un recorte e chimpou á raposa embaixo.
E a raposa, ó ver que ía caír por riba dun penedo, púxose a berrar:
¡Fuxe laxa, que te esfarelo;
que se saio desta
non volvo ás vodas do ceo...!

Xaquín Lorenzo
Revista Nós. 15 de agosto de 1927