Letras Galegas
2018
2017
2016
2015
2014
2013
2012
2011
2010
2009
2008
2007
2006
2005
2004
2003
2002

Xesús Lorenzo Varela Vázquez





Lorenzo Varela naceu no Atlántico, a bordo do vapor «Navarrete» fronte ás costas de Cuba. Iso polo menos é o que din os que foron os seus compañeiros de exilio, Seoane e Neira Vilas. O seu certificado de nacemento, pola contra, asegura que naceu nunha casa da rúa Ángeles da cidade da Habana un dez de agosto de 1916 ás doce horas.
Foi inscrito cos nomes de Jesús Manuel Lorenzo Varela Vázquez, aínda que co paso dos anos só utilizará o seu terceiro nome: Lorenzo.
Seu pai, José Ramón Varela García, era fillo único duns labradores con poucos recursos económicos naturais da parroquia de Fufín, nas terras luguesas de Monterroso. A casa familiar, que aínda permanece en pé, é coñecida como a casa de Outeiro.
A nai, Perpetua Vázquez Ojea, proviña dunha familia máis acomodada da parroquia monterrosina de Lodoso.
Casaron na igrexa de San Pedro, en Lugo, e contaron dende o principio coa oposición da familia materna xa que esperaban un mellor partido para a súa filla.
Neste ambiente hostil e coas súas difícies condicións económicas deciden emigrar a Cuba, antiga colonia española e independente dende había 18 anos.
O ambiente da capital cubana non é o que José Ramón e Perpetua esperaban. Norteamérica exerce o seu poder na illa e se cadra con máis opresión da que antes exercían os españois. A actividade bancaria, a industria azucreira, a propiedade da terra... está en mans dos novos donos que tamén controlan a gobernos títeres e corruptos.
Catro anos despois da súa chegada, no 1920, a situación económica cubana é catastrófica: a cotización do azucre cae, pechan as principais industrias azucreiras e os bancos dan na bancarrota. A fame comeza a aparecer nas rúas cubanas así que os pais de Lorenzo deciden trasladarse cara a destinos con máis posibilidades de futuro, concretamente á capital da Arxentina, Bos Aires.
Instálanse nun barrio chamado Nueva Pompeya, onde Lorenzo realizará os seus estudos primarios e residirá o seu pai ata o día da súa morte.
Durante os seus anos escolares escribe os primeiros versos «Milonga consejera» e «Murga de coplas», uns cantares enmarcados na tradición popular arxentina.
Ao redor dos quince anos volta a Galicia, acompañando da súa nai.
Unha vez en Lugo presenta a correspondente instancia para o seu ingreso no Instituto de Segundo Ensino. Uns días despois realiza con éxito a proba de acceso e é admitido.
Era Lorenzo bo estudante, aprobando en pouco máis de dous anos un total de vintecinco materias que compoñían os seis cursos de bacharelato. O seu interese escolar estaba orientado á psicoloxía, á lóxica e todo o que tivera que ver coa literatura. Cincuenta anos despois do seu paso polas aulas algún profesor aínda se lembraba de Lorenzo e dos seus traballos escolares.
O Instituto de Segundo Ensino de Lugo compartía edificio coa Deputación Provincial. A ala destinada á Deputación estaba ben conservada e dispuña de calefacción. Pola contra a destinada aos estudantes era pouco acolledora, con fiestras que non encaixaban, espazos reducidos e escuros, mal ubicados, desordenados... e sen calefacción. Un artigo aparecido no xornal «El Progreso», de Lugo, en febreiro do 33 lembraba que os estudantes non tiñan calefacción e que os funcionarios, os seus veciños de edificio, disfrutaban dunha temperatura agradable e «iso que só traballan unhas horas ao día».
Diante desta situación o estudantado mobilízase e durante quince días declaranse en folga, sendo esta a primeira protesta estudantil na que participou Lorenzo. Esta folga estaba convocada pola Asociación de Estudantes da que Lorenzo formaba parte sendo un dos seus principais responsables.
Os rapaces conseguiron en parte os seus obxectivos xa que lles cambiaron as fiestras, reducindo deste xeito algo do frío que se lles coaba nas aulas. Esta folga será lembrada como «a folga do frío».
Uns meses antes a Asociación de Estudantes organizara unha conferencia de Ramón Otero Pedrayo, que consegue espertar e artellar o galeguismo que estaba latente entre aquela mocidade e Lorenzo asiste ás xuntanzas do Partido Galeguista vencellándose cada día máis ao seu ideario.
O 11 de xaneiro do 1933 fúndanse as Mocidades Galeguistas lucenses e Lorenzo Varela consegue un posto directivo na nova organización. Pero non é esta a única actividade política de «o Arxentino», alcume polo que se recoñece a Lorenzo en Lugo.
As súas ideas políticas van en dúas direccións: a trotskista e a galeguista. Os seus compañeiros das Mocedades esíxenlle que elixa entre uns e outros, polo que se dá de baixa do grupo galeguista.
A actividade cultural en Lugo, que antes da proclamación da República era moi reducida, comeza a coller novos pulos da man de profesionais liberais concentrados ao redor do Círculo das Artes e do Mercantil. Celebrando sesións de cine, teatro, bailes, concertos e tertulias, onde médicos, catedráticos, mestres... intercambian as súas ideas e discuten todo tipo de temas.
Os máis novos prefiren as tertulias do Bar Nemesio, na Porta da Estación. Este café fora o primeiro en instalar unha cafeteira exprés no ano 1925, e alí víronse as primeiras mulleres fumando publicamente. Neste establecemento ou no Hielo Bar, onde o café era máis barato, terá Lorenzo a súa tertulia, xunto con Ramón Piñeiro e Ánxel Fole.
En Lugo tamén coñece a Federico García Lorca, que a finais do 1932 pronuncia unha conferencia nas dependencias da Deputación Provincial, aínda que terá un trato directo co poeta algúns meses máis tarde, cando se traslade a estudar a Madrid.
Durante os tres anos que o poeta pasa en Lugo desenvolve unha gran actividade cultural: comeza as xestións para a creación dun Ateneo Popular, crea dentro desta sociedade unha Sección de Estudos Galegos na que comparte a secretaría con Ramón Piñeiro...
A primeiros do ano 1934 remata os seus estudos de bacharelato e no outono dese mesmo ano participa, o Domingo das Mozas, nunha concentración na Praza de San Domingos que é disolta a tiros polas forzas policiais.
As autoridades ordenan detencións e vixían ao grupo trotskista do que Lorenzo formaba parte, así que este decide pór terra de por medio e prepara a súa marcha a Madrid co aquel de estudar a carreira de Filosofía e Letras. En Lugo deixaba tres anos da súa vida, unha intensa actividade intelectual e política e á súa nai Perpetua que non daba entendido as ideas do seu fillo.

EN MADRID

EN MADRID

A finais do ano 1934, con só dezaoito anos, Lorenzo Varela marcha cara a Madrid a bordo dun camión de peixe.
Os seus estudos de Filosofía e Letras durarán ben pouco. Axiña comproba como o profesorado está á marxe das novas correntes e os seus temarios están completamente desfasados e alleos á realidade das novas inquedanzas das elites culturais do país.
En Madrid as tertulias nos cafés supuñan, á parte dun intercambio de ideas, un fogar para as depauperadas economías da época. Lorenzo achégase a algunha delas, concretamente á do Café de Pombo, que se reunía os sábados e contaba coa presenza e animación de Ramón Gómez de la Serna, escritor polo que Lorenzo Varela ten unha considerable admiración, xurdindo entre eles unha cordial amizade.
Pero non será neste café no que se estableza definitivamente. Os escritores máis novos reúnense en La Granja del Henar que xa tiña tradición tertuliana e na que participara Manuel Azaña antes de ser proclamado presidente da República.
Nesta tertulia coñece a numerosos intelectuais galegos afincados na capital: os irmáns Dieste, Otero Espasandín, Fernández Mazas, Laxeiro...
Os escritores buscan medios rápidos para difundir a súa obra literaria e as revistas aparecen e desaparecen cunha enorme velocidade e fugacidade: «Caballo verde de la poesía», «Linea», «Hoja Literaria»...
Os galegos darán vida a unha publicación «PAN» (Poetas Andantes e Navegantes) que verá a luz en xaneiro do 1935.
Na revista, da que só se publicarán sete números, colabora Lorenzo por vez primeira con dous traballos relacionados coa creación literaria e o compromiso social e político.
No verán de 1935 desaparece definitivamente «PAN» pero Lorenzo consegue algunhas colaboracións literarias no xornal independente «El Sol», publicación de gran prestixio entre os intelectuais da época e na que tamén colaboraban Julio Camba, Bagaría, Mariano de Cavia, considerado este o mellor periodista do seu tempo...
Durante a súa estadía na capital de España tivo tempo de participar nas actividades realizadas polas Misións Pedagóxicas, un padroado creado a pouco da proclamación da República, no 1931, e que tiña por obxectivo levar a cultura a tódolos currunchos do país.
Era unha escola ambulante na que «os misioneiros» facían teatro, títeres, expoñían copias de obras de arte, instalaban bibliotecas, daban funcións de cine, organizaban concertos...
En Galicia estas Misións estiveron entre os meses de agosto a decembro de 1933 e percorreron vintenove localidades das catro provincias: Vilagarcía, Silleda, As Neves, Malpica, Carnota, Becerreá, Friol, Arnoia, Viveiro, Cartelle...
Lorenzo Varela participa nas Misións en terras de Huesca, xunto con Rafael Dieste, percorrendo a provincia durante un mes.
Esa aventura será lembrada por el coma «a máis fértil experiencia de ensino verdadeiro realizado en España»
Toda a obra realizada polas Misións Pedagóxicas será anulada despois da Guerra Civil mediante un decreto que ordenaba a desaparición do Padroado e a expurgación das bibliotecas creadas por elas.
A GUERRA CIVIL

En xullo de 1936 comeza a Guerra Civil. O exército sublévase en Canarias e nas colonias africanas contra o goberno da República.
Lorenzo Varela que está en Madrid entregado ao seu labor periodístico non dubida nin un momento en colocarse ao lado das forzas leais ao goberno.
A súa primeira acción de guerra é na serra madrileña, no Alto dos Leóns, enrolado no Batallón Ferroviario de Choque que máis tarde entraría a formar parte do Quinto Rexemento. Nesta primeira acción conseguen parar ás tropas do xeneral Mola que baixan do norte coa intención de tomar Madrid.
Tamén dende o primeiro momento da confrontación traballa na Alianza de Intelectuais Antifascistas para a Defensa da Cultura, sen descoidar as súas colaboracións xornalísticas en «El Mono Azul», «Milicia Popular», «Ahora»...
Políticamente vai deixando o seu trotskismo e identificándose cada vez máis coa doutrina do Partido Comunista.
No ano 1938 e impulsada por Rafael Dieste e Sánchez Barbudo, amigos de Lorenzo, fúndase en Valencia a revista «Hora de España». Lorenzo é invitado a participar pero, aínda que mandará poemas e artigos para a súa publicación, prefire quedar nas trincheiras: «polo de agora, o pobo só pide gañar a guerra, para asegurar o pan e a liberdade».
Lorenzo percorre numerosas frontes de batalla, xa sexa enrolado na 45 División, co Campesino ou coas Brigadas Internacionais enviando puntualmente as súas crónicas xornalísticas para «Ahora».
No 1938 a guerra comeza a complicarse para o exército republicano. Son necesarias tódalas mans polo que Lorenzo recibe o nomeamento de comisario de brigada coa misión de instruír, alentar e manter en pé o compromiso político dos milicianos. Estes comisarios políticos constituían unha peza fundamental do exército: «os primeiros en avanzar e os últimos en retroceder».
Ao comezo da maior batalla da Guerra Civil, a do Ebro, Lorenzo está de comisario político na 46 división ao fronte da Brigada Dombrowsky. As súas ordes eran moi claras: tiña que avanzar á cabeza da súa unidade como exemplo para o resto das tropas.
Unhas horas despois do inicio das hostilidades, as tropas de Lister xa ocuparan a totalidade dos pobos da marxe dereita do Ebro e achegabanse ás portas da vila de Gandesa. Durante case tres meses non cesan os disparos e os enfrontamentos.
O xornal «Acero», do Quinto Corpo de Exército, loa a actuación do comisario Lorenzo na batalla do Ebro, recoñecéndolle que é o vivo reflexo da moral combativa dos seus homes. Faise querer polos seus e, ás veces, impide abusos e inxustizas dos oficiais ao seu mando.
En decembro do 1938 é ascendido a comisario da 46 división. Tiña daquela 22 anos. Na noiteboa dese mesmo ano o exército franquista , formado nesa ocasión por marroquinos, italianos, o Corpo de Exército de Navarra... inicia a ofensiva final e o seu avance será imparable. As tropas republicanas comezan a recuar. Un mes despois entran en Barcelona. A unidade de Lorenzo resiste, a duras penas, en Sabadell.
Diante desta dramática situación o presidente da República ordena a retirada das tropas cara a fronteira francesa. As estradas énchense de militares e civís que foxen.
Lorenzo atravesa a fronteira francesa por Portbou un 9 de febreiro.


NO EXILIO

Dous días despois de atravesar a fronteira chegou Lorenzo coa súa unidade militar á praia de Saint Cyprien, improvisado campo de concentración, atopándose alí con Dieste e Sánchez Barbudo.
O trato dado polas autoridades francesas aos exiliados non é precisamente agradable. Son confinados en inmundos campos de concentración sen servicios nin condicións sanitarias de ningún tipo. Os piollos e as enfermidades cébanse neles. Estas praias xa eran coñecidas dende a Primeira Guerra Mundial como «as praias da morte».
Non había comida nin condicións dignas de habitabilidade. Non había barracóns, nin tendas de campaña, nin letrinas, nin auga potable, nin servicios médicos de urxencia...
A solidariedade do goberno mexicano, presidido polo xeneral Lázaro Cárdenas permite rescatar destes campos de concentración a numerosos republicanos. México ofrécelles unha nova terra na que vivir e pon á súa disposición os medios de transporte necesarios para o seu traslado.
Un mes despois Lorenzo Varela abandona o campo de Argelès, a onde fora trasladado dende o de Saint Cyprien e diríxese ás cidades de Tolouse e Perpignan nas que aínda estará un par de meses ata o seu embarque definitivo a bordo do «Sinaia» rumbo ao exilio mexicano.
Finalmente, un 23 de maio de 1939, dende o porto francés de Sète, un conxunto variopinto de seres humanos: soldados, mulleres, nenos, civís... embarcan no buque francés «Sinaia». A maioría deles saíron directamente dos campos de concentración, agás un pequeno grupo de intelectuais, entre os que estaba Lorenzo que puideron ter certo grao de liberdade antes do seu embarque.
Case mil seiscentos refuxiados emprenden unha nova aventura protexidos por un cruceiro británico. En vinte días de navegación, con paradas nas illas de Madeira e Porto Rico, chegan ao seu novo destino.
O recibimento da primeira expedición de republicanos españois é apoteósico: vinte mil persoas abaneando panos brancos agardaban o barco no porto de Veracruz e ofrecen traballo e comida aos exiliados.
Os primeiros pasos de Lorenzo en México van encamiñados á consecución de aloxamento e traballo. Coa axuda do escritor mexicano Octavio Paz, ao que coñeceu no Congreso Internacional de Escritores de Valencia, colle, xunto co seu amigo Sánchez Barbudo, unha casa en aluguer a rentes da de Octavio e este proporciónalle o seu primeiro traballo na revista «Taller».
Uns meses despois da súa chegada xa están, Lorenzo e Barbudo, preparando a saída dunha nova revista «Romance», coa que queren chegar a tódolos países de lingua española. Esta revista terá un formato de xornal, con numerosas ilustracións de gran calidade.
Desta revista, de periodicidade quincenal, editaranse dezaseis números. As relacións dos redactores coa empresa foron tensas, chegando ao extremo de expulsar esta ao grupo fundador e entre eles ao propio Lorenzo.
Nesta expulsión parece que está a clave da decisión de Lorenzo de trasladarse á Arxentina despois de dous anos de estancia en México.


NA ARXENTINA

A finais do ano 1941 inicia a viaxe a Arxentina facendo unha breve escala en Cuba para lembrar aqueles primeiros anos pasados na illa caribeña.
Á chegada ao porto de Bos Aires foi recibido polo seu pai que daquela gozaba dunha boa situación económica e era un activo membro das sociedades galegas na Arxentina.
Lorenzo Varela faise asiduo da tertulia do Café Tortoni, onde coincide con Luís Seoane, Baltar, Colmeiro, Rafael Dieste... e outros intelectuais, filólogos, artistas... de diferentes países.
En Arxentina reaparece a súa militancia comunista e participa en numerosas publicacións, autorizadas ou non, do Partido Comunista de España: «España independiente», «Noticias de España», «Unidad y Lucha»...
A ideoloxía de Lorenzo choca de fronte coa mantida polos vellos galeguistas encabezados por Alfonso Rodríguez Castelao, que dende o Centro Ourensán artella o movemento galeguista no exilio.
A primeira obra publicada por Lorenzo en Arxentina sera o poemario «Torres de amor». A súa edición non será sinxela. Os donos da editorial na que traballaban Seoane e Cuadrado e na que editaban libros de autores galegos néganse a publicar o libro de Lorenzo ao saberse que este é comunista. Tempo lle faltou a Dieste e Cuadrado para fundar unha nova editorial: «Nova».
Esta primeira edición, da que se editaron 1.100 exemplares saíu da imprenta a finais do 1942. Constaba de sesenta e sete poemas ilustrados por Seoane. Algúns destes poemas foran escritos durante a súa estadía en México e outros durante a Guerra Civil.
Ao tempo que se publica o seu primeiro poemario en Arxentina sae á luz a revista «De Mar a Mar», de periodicidade mensual e da que Lorenzo é codirector. Desta revista só se editarán sete números, de decembro do 1942 a xuño de 1943.
Uns meses máis tarde e baixo a dirección de Lorenzo, Seoane e Cuadrado, sae a revista quincenal «Correo Literario», da que se conseguen publicar corenta números.
A chegada ao poder de Juan Domingo Perón e as dificultades económicas da editorial propician a desaparición do «Correo Literario».



EN GALEGO

Lorenzo Varela tiña toda a súa obra escrita en idioma castelán, agás un poema «Éramos tres irmáns» inédito ata o ano 1979 e recuperado polo seu amigo Luís Seoane. ¿Cal foi o motivo polo que Lorenzo se decide a dar o paso de usar o noso idioma?. As circunstancias que rodean o uso do galego nos ambientes da emigración da década dos corenta non son as máis doadas para asumir unha posición dese tipo.
Sirva de exemplo das paixóns que despertaba o idioma galego, a anécdota ocorrida a Eduardo Blanco Amor cando intenta dar unha conferencia sobre Rosalía de Castro nun teatro de Bos Aires: « Comecei a falar en galego. ¡A que se armou! ¡tiráronme cousas ó escenario! O presidente veume dicir que qué pensaba que eran eles, se pensaba que eran uns desgraciados, uns incultos, unhas bestas que non sabían falar coma todo o mundo..... aquel día non din unha conferencia, din un auténtico mitin».
Publicar en galego na Arxentina supuña para calquera autor non atopar editorial que decidira arriscar o seu patrimonio económico nun proxecto para o que non había mercado.
Aínda se atopaba Lorenzo con outro problema: o de manter vivo, no seu exilio arxentino, o idioma da súa primeira infancia. As relacións da emigración e do exilio eran exclusivamente en castelán.
De tódolos xeitos, a súa militancia galeguista e o seu convencemento persoal, permítenlle dar o paso de converterse nun poeta en lingua galega da man de Luís Seoane.
Así, no ano 1944, escribe os poemas para o álbum «María Pita e tres retratos medievais» do mesmo Seoane. Este anímao a usar o idioma da infancia para catro debuxos doutras tantas figuras da historia galega: María Pita, Roi Xordo, María Balteira e o bispo Adaúlfo.



OS ÚLTIMOS ANOS

Os últimos anos da vida de Lorenzo están marcados por tres acontecementos: o pasamento da súa nai Perpetua, a victoria incompleta dos países aliados na Segunda Guerra Mundial e a chegada ao poder de Juan Domingo Perón na República Arxentina.
O 15 de agosto de 1944 morre Perpetua, a súa nai. Pouco antes de morrer é trasladada de Lucencia a Fufín nun carro de vacas quedando ao coidado dos caseiros. Segundo a testemuña dos veciños estivo pouco tempo enferma, morrendo tísica e dándoselle terra no cemiterio parroquial de Fufín.
Como consecuencia deste forte golpe emocional Lorenzo comeza a beber en exceso.
A victoria das tropas aliadas tampouco vai supor un motivo de alegría nin estabilidade para Lorenzo.
As primeiras tropas que fan entrada en París, as do coronel Lecrerc, están formadas por ex-combatentes republicanos españois. Os primeiros carros de combate e vehículos acoirazados que percorren as liberadas rúas da capital francesa levan nomes españois: Guernica, Guadalajara, Brunete...
A gran ilusión de Lorenzo é que a liberación de París se complete coa liberación de Madrid e se instaure un réxime democrático en España.
No seu «Correo Literario» publica unha carta aberta de numerosos intelectuais antifascistas, dirixida ás potencias reunidas na Conferencia de San Francisco, na que se lles pide unha intervención que puxera fin á dictadura franquista e impoña «a soberanía democrática e popular en España».
No 1946 chega Perón á presidencia da República Arxentina converténdose nun dos primeiros gobernantes que rompe o bloqueo económico ao que se tiña sometida á dictadura do xeneral Franco co envío masivo de alimentos.
A mediados do 1956 casa con Marika Gerstein, xudía, profesora de idiomas e muller moi culta. Durante esta época exerce de crítico, historiador de arte e mesmo de xornalista radiofónico.
Co tempo a vida dos exiliados deixa de xirar ao redor da política española e vaise centrando, cada vez máis, na do seu país de adopción. Importa máis o derrocamento de Perón que as loitas pola democratización de España.
É a principios dos anos setenta cando Lorenzo comeza a pensar moi seriamente en deixar a Arxentina. Os seus amigos Seoane e Dieste reclámano dende Galicia pero el séguelle dando largas.
O golpe de estado do xeneral arxentino Videla, en marzo de 1976, precipita a decisión e Lorenzo volta definitivamente do exilio. Atrás quedan trinta e sete anos pasados, a maior parte, en Arxentina.
En maio chega a España e instálase en Madrid, sendo recibido con moita frialdade. Asiste á tertulia do Café Gijón pero non participa nela. A pesares de estar arrodeado de amigos síntese un extraño. Nese verán viaxa a Galicia hospedándose na casa do seu amigo Isaac Díaz Pardo, no Castro de Samoedo, en Sada. Vai dun sitio a outro buscando traballo e comeza a perfilar a idea de marchar a París e traballar facendo traduccións de libros brasileiros.
Lorenzo négase a publicar nada novo nin a reeditar os seus poemas. Rexeita as solicitudes de entrevistas que lle podían supoñer publicidade e diante das preguntas dos seus amigos sobre os motivos deste mutismo responde con bromas ou cun sorriso burlón.
Os médicos recomendáranlle deixar de beber pero el seguía facéndoo aínda que con máis moderación.
A saúde dende a súa chegada non era moi boa e na madrugada do 25 de novembro de 1978, tres anos e medio despois de pisar de novo Madrid, morre a bordo da ambulancia que o traslada ao hospital.
O día 27 foi sepultado nunha fosa común do cemiterio madrileño da Almudena, sendo trasladados os seus restos un par de anos despois ao cemiterio de Fufín, ao mesmo nicho no que están os da súa nai.