Letras Galegas
2018
2017
2016
2015
2014
2013
2012
2011
2010
2009
2008
2007
2006
2005
2004
2003
2002

Manuel Lugrís Freire





Lugrís Freire naceu un 12 de febreiro de 1863 na vila coruñesa de Sada. Membro dunha familia con problemas económicos non lle quedou máis remedio que poñerse a traballar, dende moi novo, no veciño concello de Oleiros.
Aos vinte anos colleu, como tantos milleiros de galegos, as maletas para emigrar a Cuba, onde se reuniu co seu irmán maior, Plácido, establecéndose na cidade da Habana e alí permaneceu durante trece anos, voltando a Galicia no 1896.
Disque naquel entón A Habana era a cidade máis grande de Galicia pois alí vivían máis galegos que na mesma cidade da Coruña. Neste ambiente mesturábanse emigrantes temporais, que só acudían para a «zafra» da cana do azucre e outros con máis recursos que buscaban nos negocios unha maneira de abrir se camiño na vida que en Galicia non atopaban.
Durante a súa estadía en Cuba traballou de tenedor de libros, levando contabilidades de empresas, en xornadas de máis de catorce horas.
A pesar da intensa dedicación ao seu oficio realizou un enorme traballo en prol da cultura galega na emigración. Ao pouco de chegar comeza as súas colaboracións na prensa americana e no Eco de Galicia aparece publicada a súa poesía «Nostalxia».
Un ano despois, no 1884, é nomeado vocal da xunta directiva do Centro Galego da Habana e aparecen as reseñas da súa primeira obra teatral: «A costureira da aldea».
A presenza e a actividade galega en Cuba e máis concretamente na Habana é moi importante: en Cuba ondea por vez primeira a bandeira galega, estréase o himno galego e de aquí saen os cartos necesarios para financiar o nacemento da Real Academia Galega.
Foi cofundador do xornal A Gaita Gallega, único periódico da emigración redactado, única e exclusivamente, en lingua galega. Esta iniciativa estivo viva ao longo de catro anos, de 1885 a 1889.
Este xornal, de periodicidade mensual foi fundado por Lugrís co seudónimo Roque das Mariñas e por Ramón Armada Teijeiro que usaba o seudónimo de Chumín de Céltegos.
O periódico, en palabras dos seus editores, «repinica muiñeiras, fandangos e alboradas unha vez ao mes». Nos seus números reproduce poemas de Curros, Rosalía de Castro, Lamas Carvajal..., inclúe refráns, contos populares, biografías, prosa literaria, artigos de costumes, fragmentos do Catecismo do Labrego... sempre cun ton ameno e popular.
Na súa primeira editorial conclúe «que a lingua na que as nosas nais nos ensinaron a sentir as primeiras emocións: isa lingua é digna e merecente de que teña no Novo Mundo un periódico escrito somente nela».
Cando A Gaita Gallega desaparece como xornal independente aparece como suplemento de El Eco de Galicia, editado tamén na Habana.
Publicou igualmente durante a súa etapa cubana unha noveliña en seis entregas «De Galicia a Lavapiés» onde defendía o seu galego fronte ao ataque doutra novela «De Lavapiés a Galicia».
Desta época é tamén o seu primeiro poemario «Soidades», editado no 1894, prologado polo seu amigo Curros Enríquez, emigrante tamén na Habana e auténtico inspirador da súa inclinación poética.

EN GALICIA

No 1896 volta para Galicia coa súa muller, a cubana Concepción Orta, establecéndose na cidade da Coruña onde vivirá ata o seu falecemento, o 15 de febreiro de 1940.
Nesta cidade tivo diferentes empregos: na litografía «La Artística», na Asociación Galega, no concello coruñés e na Sociedade Anónima de Augas da Coruña, empresa na que traballou ata a súa xubilación.
Tivo Lugrís cinco fillos: Socorro, da súa primeira muller Concepción; Manuel, os xemelgos Secundino e María do Pilar e Urbano da súa segunda muller, Pura González Varela.
Na cidade herculina axiña entrará en contacto co máis selecto do Rexurdimento galego: Murguía, Carré Alvarellos, Eduardo Pondal, Martínez Salazar...membros dunha tertulia que se reunía na Librería Rexional, propiedade de Carré e que adoptan o nome de «Cova Céltica».
No ano 1897 formou parte da comisión que dirixía a Liga Galega, constituída nese mesmo ano baixo a presidencia de Manuel Murguía.
Lugrís, xunto con Uxío Carré e Salvador Golpe redactan o «Regramento da Sociedade Liga Gallega na Cruña», que terá como finalidade a defensa dos intereses morais, materiais, políticos, económicos e sociais de Galicia. A presidencia da Liga sería exercida, anos máis tarde e xa no ocaso da mesma, por Manuel Lugrís.


A ESCOLA REXIONAL

A Asociación Rexionalista, proxecto político galego ao redor do que estaban artistas, poetas, intelectuais e idealistas, decide potenciar o teatro galego polo que patrocina a creación da Escola Rexional de Declamación, que tivo unha moi curta vida, xa que foi disolta no ano 1904. Esta Escola será a primeira compañía teatral de repertorio que exista en Galicia. Fundouse na Coruña, polo actor Eduardo Sánchez. Nunha primeira etapa a súa presidencia estivo en mans de Galo Salinas, pasando pouco tempo despois ás de Lugrís.
Esta escola era para os rexionalistas algo máis que unha manifestación artística, funcionaba, sobre todo, como plataforma ideolóxica; a idea de ter un grupo de persoas nun local pechado concentrados no aspecto da vida que se está a representar, xeralmente tinguido de paixóns, constituiú unha nada desdeñable oportunidade para filtrar un discurso ideolóxico ou para alertar sobre unha situación determinada.
Pero estes dramaturgos tiñan que moverse nun medio hostil, non só tiñan que escrebir teatro senón que tiñan que demostrar a viabilidade do seu proxecto, comezando pola propia opción lingüística. Necesitaron así o respaldo de sectores empresariais e financeiros da burguesía galega.
A Escola fai a súa presentación pública no Teatro Principal da Coruña, o 18 de xaneiro de 1903, co drama ¡¡Filla!!, orixinal de Galo Salinas, constituíndo un auténtico acontecemento nos círculos políticos ligados aos rexionalistas.
O 18 de xullo dese mesmo ano represéntase, tamén no teatro Principal, a obra dramática de Manuel Lugrís «A ponte», un drama en dous actos en prosa dividido en tres cadros.
É case seguro que Lugrís escribiu as súas primeiras obras dramáticas a petición ou por encargo da Escola. Por outra banda, xa mostrara, durante os anos que viviu en Cuba, un interese polo xénero dramático que se traduciu nunha obra da que só lle coñecemos o título, «A costureira da aldea», que ao parecer foi ensaiada na Habana en 1885.
Lugrís inaugura con «A Ponte» o drama galego en prosa, o que pode supor, para un home que cultivou a poesía, un intento de facer un teatro menos retórico, menos literario e máis comprensible polo gran público.
Nesta primeira entrega dramática de Lugrís áchanse, con lixeiras variantes, tódalas constantes que caracterizan o seu teatro. Un teatro presidido polo afán moralizador, apoloxético, didáctico e propagandístico. Non pretende tanto popularizar unha ideoloxía concreta como sinalar ou denunciar a situación de inxustiza que están a padecer os sectores máis desfavorecidos do país.
O 19 de marzo de 1904 represéntase no teatro Jofre de Ferrol o drama de Lugrís «Minia».
Aos poucos meses da fundación da Escola, comezan xa on enfrontamentos, liortas e tensións entre os integrantes por causas nunca suficientemente clarexadas.
Pode ser que estean relacionados co desexo de Lugrís de impoñer a representación, en exclusiva, das súas obras ou pola disconformidade de Galo Salinas cos contidos das obras de Lugrís. Así, en agosto de 1904, na «Revista Gallega», Galo Salinas insiste na importancia da continuidade da Escola aínda que se refire a ela como un organismo agonizante. Non obstante, o 16 de outubro dese mesmo ano, aínda escenificará, como derradeira experiencia, o drama «Mareiras» de Manuel Lugrís.
No teatro de Lugrís, os campesiños e mariñeiros aparecen como depositarios das mellores e máis relevantes esencias da nación galega; é dicir, da lingua, da tradición e dos costumes, afortunadamente aínda non adulterados polas modas e hábitos alleos. Lugrís preconiza que a unión de tódolos galegos, por riba de diferenzas de clases e dogmas, constitúe o camiño máis axeitado para superar os diferentes atrancos que impiden o pleno desenvolvemento do país. Nas súas obras os bos son moi bos e os malos son moi malos, e estes están encarnados case sempre polos caciques.
Lugrís escribe outro drama «Escravitú», que presenta unha menor tensión dramática que as anteriores pero cunha débil consistencia escénica. Escribiuna contando coa súa inmediata representación pero daquela a Escola xa estaba pechada.
Haberá que esperar algúns anos ata que as Irmandades da Fala continúen o traballo da Escola Rexional creando a Escola Dramática Galega.
Despois de varios anos , Lugris retomará o xénero dramático, coa elaboración esta vez dunha comedia en dous actos, publicada en 1917, «O pazo» nun momento no que a actividade teatral en Galicia era practicamente nula. Nesta primeira comedia, Lugrís utiliza tódalas fórmulas, esquemas e recursos dos dramas anteriores, agás na figura do fidalgo ao que dota de moitas virtudes. O prantexamento da obra é moi simple, autenticidade fronte a desarraigo con trunfo final do «enxebrismo» diante de fórmulas alleas.
Coa derradeira entrega dramática de Lugrís atópase a comedia en dúas xornadas en prosa, «Estadeiña», publicada en 1919. Como en anteriores ocasións, o discurso sitúase por riba da acción, absolutamente inexistente neste caso, polo que a peza carece da máis mínima teatralidade. Aparecen ideas como que a educación é o medio para eliminar todas esas falsas supersticións que escravizan aos nosos labregos que constitúen unha das principais causas do secular atraso no que viven. Para superar estes atrancos que manteñen aos labregos sumidos na miseria cómpre saír da aldea, entrar en contacto con outras realidades.


A REAL ACADEMIA

Despois das inquedanzas e dos traballos realizados por un grupo de intelectuais galegos agrupados ao redor da «Asociación Iniciadora y Protectora de la Academia Gallega» da Habana, xorde a necesidade de crear a Real Academia Galega (RAG).
Desde os seus comezos, a figura de Manuel Lugrís vai estar presente, tanto na discusión sobre a localidade que sería sede da Academia como nos obxectivos e actividades da mesma.
Despois do acordo de escoller A Coruña como sede da nova entidade, Lugrís, xunto con Florencio Vaamonde e Eladio Rodríguez, encargaranse de buscar un edificio axeitado, sendo este o da Reunión Recreativa e Instructiva de Artesanos en cuxo salón de festas un domingo, 30 de setembro de 1906, ás 19,30, queda constituída oficialmente a RAG.
Manuel Lugrís vai estar sentado no escenario e no programa de actos correspóndelle ler tres poemas: «Amor de Patria» de Valentín Lamas Carvajal, académico numerario morto por esas datas, «Poesía Galega», do tamén académico Eduardo Pondal e «Protesta de Pedra de Padrón», de Leandro Saralegui y Medina, tamén académico.
Nas dependencias desta Reunión Recreativa manterá a Real Academia a súa sede ata o seu traslado ao Pazo Municipal da praza de María Pita, na Coruña, en maio de 1920.
Manuel Lugrís é un dos primeiros corenta académicos cos que vai contar a nova sociedade. Durante esta primeira etapa os traballos en que van facer máis fincapé serán a constitución dunha biblioteca, hemeroteca e arquivo de todos os temas relacionados con Galicia, a publicación dun boletín-revista mensual e a elaboración dun dicionario do idioma galego.
O primeiro de febreiro de 1907, unha Xunta Ordinaria da RAG designa a Lugrís membro da Comisión de Ortografía co encargo de elaborar o novo Dicionario Galego.
A tal fin comeza a organización de diferente material lexicográfico, a adquisición ou copia de glosarios e vocabularios, a elaboración de papeletas con instrucións para a recollida de voces, a elaboración dun ditame sobre a ortografía a usar pola RAG e a publicación da Colección de Documentos Históricos co obxecto de sacar voces para o futuro dicionario. Da dirección do proxecto queda encargado César Vaamonde Lores que será o seu único e auténtico autor.
O Dicionario comeza a publicarse, por fascículos, en 1913 a un ritmo extremadamente lento: en quince anos só publican as tres primeiras letras do alfabeto.
Este ritmo tan lento, a pesar do interese e do cariño ao país dos autores, unido á pouca preparación filolóxica dos comisionados e a ausencia dunha remuneración económica que lles permita unha dedicación plena ao proxecto conducirá a que a obra quede imcompleta. No 1928 paralízase a súa publicación por mor das liortas e falla de consenso dos propios académicos.
En 1934 foi nomeado Lugrís presidente da Real Academia, cargo que desempeñou ata agosto de 1935, data na que cesa por motivos de saúde.


A POLÍTICA

No ano 1907 participa Lugrís, xunto con Rodrigo Sanz na creación do sindicato agrario Solidaridad Gallega, unha iniciativa que perdurará ata o 1912.
Este movemento agrario supón un forte desenvolvemento do agrarismo e do rexionalismo, así como unha movilización do campesiñado que non tiña antecedentes coñecidos no noso país.
A acción do sindicato estivo localizada, fundamentalmente, no centro e norte da provincia da Coruña: a capital, As Mariñas, Bergantiños, Ferrol, Arzúa, Melide e algún que outro punto moi localizado de Galicia: Muros, Chantada, Láncara, ...
O Manifesto de Solidaridad Gallega chama á participación política para derrotar ao caciquismo. Antepoñen os asinantes o impulso da rexión galega fronte ao centralismo do Estado español.
A base social de Solidaridad estaba formada por alta e baixa burguesía, urbana ou rural e contaban co apoio de boa parte do clero.
Pola contra, polo seu caracter burgués, contarán coa oposición de anarquistas e socialistas e, por motivos electorais, coa de liberais e conservadores.
O agrarismo solidario centrou a súa loita na introdución de innovacións técnicas, na supresión de aranceis do millo, na mellora de seguros do gando, na institución do préstamo cooperativo, na supresión do foro... e a súa oposición ao caciquismo. Durante o seu período de actividade creáronse perto de 400 sociedades que abriron a primeira etapa do agrarismo galego.
No ano 1909, co apoio de diferentes organizacións agrarias, presentan candidatos nas eleccións municipais acadando un total de 258 concelleiros. Na Coruña conseguen 6 dun total de 13 e a maioría absoluta en 12 concellos e minoría significativa en 7.
Nun dos primeiros mítins dados por Solidaridad Gallega, o 6 de outubro de 1907 en Betanzos, pronunciou Lugrís o primeiro discurso en lingua galega diante de seis mil persoas e nun acto de marcado carácter político. A partir desta iniciativa de Lugrís, o idioma galego converteuse en idioma habitual entre os oradores de Solidaridad Gallega.
A partir da segunda metade de 1909 o movemento solidario entra en declive por mor das liortas internas dos seus membros, as disputas entre os centros solidarios da Coruña e Betanzos, os intentos de control do movemento agrario... O fracaso electoral do ano 1910 supón unha lenta agonía que culmina no 1912 coa definitiva disolución do sindicato.

AS IRMANDADES




AS IRMANDADES

Lugrís foi sempre un firme defensor da utilización do idioma galego en tódolos ámbitos da vida e esa idea é a que o leva a acudir á constitución da Irmandade da Fala da Coruña.
A iniciativa que levou á fundación das Irmandades non era unha mera imitación do exemplo catalán. Foi endóxena, impulsada por núcleos rexionalistas.
Formaron as Irmandades un grupo de persoas que se definen exclusivamente de ideas galeguistas pero con diferentes ideoloxías políticas, o que imposibilitou a rápida expansión e incremento da súa militancia.
O 5 de xaneiro de 1916, o xornalista de «LaVoz de Galicia», Antón Villar Ponte, comeza desde ese xornal a creación dunha «Liga de Amigos do Idioma Galego» e publica o folleto «Nacionalismo Gallego. Nuestra Afirmación Regional». O escrito é unha defensa da lingua galega e define a esta como a vida mesma dos pobos. A idea de Villar Ponte é ben acollida por sectores ideolóxicos moi dispares da prensa. Este éxito anímao e convoca para o 18 de maio dese ano unha xuntanza na Real Academia Galega, xuntanza á que acode un grupo de corenta persoas, entre elas Lugrís e que acordan a creación da Irmandade da Fala da Coruña. Ese mesmo ano apróbanse os seus estatutos e elíxese a primeira directiva, na que Antón Villar é elixido como primeiro conselleiro.
Pequenos grupos doutros lugares seguen o exemplo coruñés. O 28 de maio créase a Irmandade de Compostela. Entre xuño e agosto constitúense as creadas nas principais cidades galegas: Betanzos, Vilalba, Monforte, Lugo, Mondoñedo.. ata chegar a contar con vinteoito Irmandades.
Os obxectivos explícitos son, de entrada, case exclusivamente o de espallar o uso oral e escrito do galego, defender a cultura enxebre en tódalas súas manifestacións, alentar o coñecemento e amor polo pasado e o presente de Galicia e o amor aos grandes persoeiros do galeguismo anterior.
En novembro de 1916 aparece «A Nosa Terra», órgano oficial das Irmandades e que, co paso do tempo, será o voceiro do nacionalismo galego. A este cambio contribuíron os textos de Antón e Ramón Villar Ponte, Lugrís, Cabanillas...
Tódolos colaboradores do xornal combaten a todos aqueles que teiman en que o galeguismo sexa un rexionalismo de gaita e xogos florais. Ao tempo amplíanse as actividades: promoción do teatro, organización de xoves pintores galegos... e a cultura vai cedendo o paso ás actuacións políticas.
Nembargantes, as Irmandades, sabedoras da súa febleza, deciden non pasar ao terreo da política e non presentan candidaturas ás eleccións municipais de 1917, aínda que aconsellan aos seus afiliados que voten candidaturas alleas aos políticos de Madrid e as non controladas pola rede caciquil galega. A pesar de todo inclúen a algún dos seus afiliados noutras listas e conseguen concellerías para Xosé Iglesias Roma, fundador da Irmandade e primeiro director de «A Nosa Terra» e para Luís Porteiro e Francisco Vázquez.
En setembro de 1917 calla a colaboración política co catalanismo, sobre todo coa Lliga Regionalista liderada por Cambó. Coa axuda dos catalanistas adquírese o xornal coruñés «El Noroeste».
Esta colaboración dá lugar á alianza para as eleccións xerais de 1918. Pero o fracaso das candidaturas galegas conleva o afastamento dos catalanistas e a cancelación da súa colaboración económica e política.
Na I Asemblea das Irmandades, celebrada en Lugo en novembro de 1918 os seus integrantes noméanse como nacionalistas e elaboran o seu ideario coas importantes aportacións ideolóxicas do grupo ourensán, integrado por Risco, Losada, Otero Pedrayo...
No plano político defenden a autonomía integral para Galicia, na orde económica unha política librecambista e no eido cultural avógase pola cooficialidade dos idiomas galego e castelán.
O nacionalismo mantén a cota de afiliados dende 1919 ata o 1932, ano no que incrementarán o número de Irmandades e afiliados de múltiples localidades galegas.
«A Nosa Terra» inflúe enormemente neste feito e Lugrís participa moi activamente para que así sexa e conta ademais coa estreita colaboración de Vilar Ponte que pasará dun republicanismo puro a compartir as teses dos galeguistas federalistas.



O ESTATUTO

As Irmandades esgázanse en 1922, por mor da diversidade de tendencias dentro dela, pero homes como Lugrís, Uxío Carré, Aurelio Ribalta... e outros foron «a ponte» imprescindible que permitiría aglutinar a tódalas tendencias que formarán parte do futuro Partido Galeguista. Pero antes disto fundarase a Organización Republicana Gallega Autónoma, coa presenza de Casares Quiroga, home moi republicano e moi pouco galeguista, para que dalgunha maneira o nacionalismo galego pasara camuflado.
Risco e os seus, noutra fronte, tamén intentan restar peso ao ideario nacionalista de «A Nosa Terra», coa revista «Nós», sendo esta dun marcado carácter máis cultural e elitista, distando moito do carácter político e reivindicador da primeira.
Coa chegada da ditadura de Primo de Rivera case desmantela o galeguismo por completo e somentes a Irmandade da Coruña resiste ao ditador.
Por tanto o catro de xuño dese mesmo ano preséntanse tres anteproxectos de Estatuto de Autonomía: un elaborado polo Secretariado de Galicia en Madrid, outro polo Instituto de Estudios Galegos e un terceiro polo Seminario de Estudos Galegos de Santiago.
É este último o que manifesta as ideas nacionalistas e promulga unha república federal, pero nin tan sequera foi aceptado para discutir na asemblea. Esta encomendou a unha ponencia a redacción dun texto inspirado nos criterios autonomistas e máis moderados da Federación Republicana Galega.
A Comisión Redactora deste Estatuto presídea Salvador Cabeza León e é son vocaisLugrís Freire, Eladio Domínguez, Iglesias Corral, Avelino López, Rodrigo Sanz, Montero Díaz, Alexandre Bóveda e Arias del Villar, actuando como secretario Rajoy Leloup.
Este texto entregaríase despois aos deputados galegos nas Cortes Constituíntes, que o utilizaron para redactar un novo proxecto que sería presentado e aprobado nunha segunda asemblea celebrada na Coruña. Este documento será a base do Estatuto de Autonomía definitivo.
As grandes diferenzas e desacordos seguían estando entre republicanos e galeguistas. Nas eleccións os galeguistas conseguen 4 deputados fronte aos 15 da Federación Republicana Galega. Pero Casares Quiroga afástase dos galegos e sitúase ao lado de Azaña para defender as teses do republicanismo centralista español.
Maniféstase Lugrís, entón, como un gran interlocutor entre os moitos sectores republicanos galegos e ao mesmo tempo estase a preparar a decisiva fornada de xoves da seguinte década: Bóveda, Álvaro das Casas, Filgueira Valverde, Antón Fraguas, Luís Tobío, Fernández del Riego e Castelao.
O gran problema dos republicanos galegos foi non poder chegar a tódalas clases sociais. Será o Partido Galeguista, no 1931, quen consiga reunir a todos os estamentos da sociedade galega.
Pero a interminable loita polo Estatuto para Galicia fará que o Partido Galeguista ceda nas súas posturas e acepte a autonomía para Galicia como un mal menor, como punto de apoio para conseguir despois outras metas. Esta postura levará á definitiva aprobación do texto dun Estatuto para Galicia o día 19 de decembro de 1932.
Só restaba o trámite do referendum para que o Estatuto se puidese presentar ás Cortes e adquirise estatus parlamentario. Máis o que semellaba máis doado resultou ser o máis difícil. O goberno retrasa canto pode o proceso autonómico. Gañan as dereitas as eleccións municipais do ano 1933 de forma fraudulenta. Castelao e Bóveda son desterrados a Badaxoz e a Cádiz respectivamente e «A Nosa Terra» queda clausurada.
A situación é moi crítica para a República pero moito máis para o galeguismo. A inesgotable loita de Castelao e Bóveda fai que á volta do seu desterro tenten achegar posturas con Azaña e inician unha intensa campaña sen precedentes a prol do Estatuto galego. Pero os homes da República, e en especial Casares Quiroga, seguen a manifestar reticencias á celebración do referendum.
Finalmente, un mes antes do levantamento militar, o 28 de xuño de 1936 celébrase o plebiscito gañando o si por maioría esmagante pero a guerra aprazará «sine die» a súa aprobación polas Cortes.