Letras Galegas
2018
2017
2016
2015
2014
2013
2012
2011
2010
2009
2008
2007
2006
2005
2004
2003
2002

María Mariño Carou

O Día das Letras Galegas do ano 2007 está dedicado á figura de María Mariño Carou, merecedora do nome de Poetisa do Caurel, xa que a súa obra literaria, dous libros de poesía, están centrados nesta comarca na que viviu gran parte da súa vida.




María Mariño Carou naceu na vila coruñesa de Noia un 8 de xuño de 1907.

Estívose, durante moito tempo, no erro de crer que nacera un 25 de xullo de 1918, unha data dada polo seu amigo Uxío Novoneyra dende as páxinas de La Voz de Galicia ao informar aos lectores da morte da poeta.

Un erro quizais promovido por ela mesma co aquel de agachar a súa verdadeira idade e que esta non tivera tanta diferenza coa do seu marido, erro que non foi descuberto ata moitos anos depois con motivo dunha homenaxe que lle dedica a Asociación de Escritores en Lingua Galega e grazas ás pescudas da Asociación Cultural Catavento de Noia que verificaron a data nos libros parroquiais e no Rexistro Civil.
María era filla dunha familia humilde formada por Xosé Mª Mariño Pais e Filomena Carou Lado, veciños da bisbarra noiesa.

Foi bautizada na igrexa de San Martiño de Noia ao día seguinte do seu nacemento, sendo os seus padriños Peregrino López e Manuela Pérez.

Os primeiros anos de María pasan no número 8 da Rúa Cega, en Noia, aínda que os seus pais viviran anteriormente no lugar de O Couto onde tiveran os seus tres primeiros fillos: Mª Concepción, nada no ano 1898, Emilio, en 1901 e Cándido, un ano despois. Nesta mesma vivenda da Rúa Cega nace a última das irmás, Asunción, no ano 1908.

A situación económica de Galicia a principios de século é dificil, como tamén e difícil a situación de numerosas familias que malviven cuns ingresos mínimos. Este tamén é o caso da familia dos Mariño que conta cos únicos ingresos do traballo como zapateiro do pai. Diante desta situación, os cinco fillos non teñen máis saída que poñerse a traballar dende moi novos e, como consecuencia, deixar aparcados os estudos e a súa formación intelectual.

María asistiu pouco á escola, unha situación que non era nada rara na época xa que a maioría das rapazas deixaban os estudos para poñerse a traballar na casa ou servindo en casa allea. A rapazada ía á escola só a aprender a ler e conseguir o dominio básico das operacións de cálculo máis importantes para desenvolverse na vida cotiá.

Cando María deixa a escola ponse a traballar como costureira a domicilio nas casas dos veciños con máis posibilidades económicas. Algúns veciños comezan a chamala María «a costureira+ e mesmo «a fiscala+ xa que un familiar seu servira durante un tempo na casa dun fiscal.

Un tempo antes do inicio da Guerra Civil a familia Mariño trasládase a vivir á veciña localidade de Boiro na busca de mellores condicións de vida.

Nesta localidade coruñesa María tiña unha tía, Consuelo Carou, casada con Carlos Martínez. -mbos os dous traballaban no Pazo de Goiáns, unha como cociñeira e outro como mordomo, ao servizo dun xeneral da Armada e a súa dona que, ao morrer sen descendencia, cederán a propiedade aos dous serventes.

Na importante biblioteca deste pazo, en compañía dos seus cinco curmáns, pasará María moitas horas adquirindo unha formación literaria moi básica e estimulando a súa sensibilidade artística.

Con case trinta anos de idade María toma o camiño da emigración e marcha coa súa irmá Concepción a Algorta, en Biskaia. Alí vaina atrapar a Guerra Civil e será testemuña dos combates pola conquista de Bilbao e de todas as súas poderosas instalacións industriais.

Produto destas vivencias será o seu libro de relatos Los años pobres. Memoria de guerra y posguerra, escrito en castelán e que permanece inédito. Nestes relatos describe as súas experiencias no cerco de Bilbao polas tropas sublevadas franquistas e a vida dos labregos desprazados polos combates.

Unha vez rematada a contenda volta coa súa familia a Boiro, montando no lugar de Escarabote unha escola para os nenos máis pequenos. O seu pai segue traballando de zapateiro nun baixo alugado.

A figura de María Mariño non pasa desapercibida no pequeno lugar de Escarabote. O seu porte e maneira de ser contrastan coa do resto da veciñanza, tanto que se lembran dela como que tiña un toque de cidade que non era propio do lugar. Esa mesma sensación de singularidade é a que tiñan os veciños de Noia nos primeiros anos da súa vida, xa que se lembran dela como unha rapaza rara e diferente á que lle gustaba pasear pola ribeira e extasiarse na contemplación da paisaxe.

En Boiro coñece a un mestre compostelán, Roberto Pose Carballido, que tiña a escola na parroquia de Santiago de Lampón e co que casa o trinta e un de maio de 1939.

Nesta cerimonia, celebrada na parroquia de Santiago de Lampón, actúan de padriños Alfonso Carou e o seu cuñado, Manuel Pose.
+ precisamente neste momento cando aparecen as primeiras contradicións coa súa idade.

Por unha banda no Rexistro de Matrimonios Canónicos consta que ten trinta anos pero no Rexistro Civil aparece con vinte e seis. A idade real era de trinta e dous anos, oito máis que o seu home, que só contaba con 24.

Por que Mariño oculta a súa verdadeira idade? Posiblemente por manter, no posible, a norma social de que a muller tiña que ser menor que o marido home xa que casar cun home máis novo, estamos a falar do ano 1939, estaba mal visto.

A comezos do curso, o matrimonio parte cara Euskadi onde Roberto consegue unha escola na localidade costeira de Elantxobe, en Biskaia, permanecendo nela durante cinco cursos.

Nese tempo María queda embarazada e dá a luz un neno que morre ao mes e medio de nacer. Coa traxedia aínda recente voltan para Galicia, sendo destinado Roberto primeiramente a Arzúa e posteriormente, á escola de Romeor do Courel, na provincia de Lugo.

Nesta pequena aldea mórrelle, en 1947, a nai, Filomena Carou, de setenta anos e coa que María estaba moi unida. Este novo golpe, xunto coa morte dos seus dous irmáns, Emilio e Cándido, afunden a María nun forte estado de abatemento e tristeza.

Por indicación do seu amigo o médico Xosé Baltar trasládanse á aldea de Parada, a poucos quilómetros de Romeor, onde Roberto seguirá dando clases na súa pequena escola e racharán co isolamento do anterior destino.

A escola de Parada, un edificio de dúas plantas: escola e vivenda, está a rentes da chamada Casa da Fonte, propiedade dos pais do poeta Uxío Novoneyra que tamén eran propietarios do edificio escolar.

Os Novoneyra, unha das familias máis economicamente potentes do Courel, en palabras do tamén poeta Manuel María, establecerán relacións de amizade coa parella recén chegada e posibilitarán o acceso de María Mariño ao mundo da poesía.

A relación de amizade de María e Roberto con Uxío Novoneyra non comeza ata o ano 1953, despois de que este volte cun permiso do servizo militar para recuperarse na casa paterna dunha enfermidade.

A partir do ano 1957 comezará María a escribir poesía, primeiro en castelán e un ano despois en galego.
As primeiras poesías en galego serán recollidas nun volume titulado Palabra no tempo que non será publicado ata o ano 1963 pola Editorial Celta de Lugo, rexida entón polo libreiro-editor Francisco Esteban González e que iniciaba a colección Tesos Cumes.

Esta publicación foi posible polas xestións do propio Uxío Novoneyra que consegue un prólogo de Ramón Otero Pedrayo e ilustracións de Raimundo Patiño.

Otero Pedrayo, no prólogo escrito no seu pazo de Trasalba, salienta a profundidade e novidade da poesía de María, a orde das súas palabras cheas e maduras, froitos de fondas experiencias, alaba o seu ritmo antigo e xentil e compara a súa métrica cos regueiros nados na neve.

O éxito deste primeiro libro de Mariño foi claro entre os intelectuais e poetas do momento e o seu nome comeza a sentirse nos círculos literarios galegos.

Algunhas persoas rachan co seu illamento literario, Ramón Piñeiro, -nxel Fole e Manuel María... pero a súa figura estará envolvida nunha nube de misterio e mesmo se chegará a dubidar, durante algún tempo, da súa existencia.

Nun artigo publicado por Manuel María na revista A Casa da Gramática, no ano1998, queda ben definida a imaxe de Mariño: ...era falangueira e comunicativa. Mais ben alta, delgada, agraciada, dona dunha grande expresividade e un pouco cantareira. Falaba cunha leve lentitude e usaba o galego noiés.

Contaba cousas da Noia da súa infancia, gardando pudorosamente a súa intimidade....

Despois de Palabra no Tempo María seguiu escribindo. Son desta época os dous libros inéditos Los años pobres. Memorias de guerra y posguerra e Más allá del tiempo, escritos ambos os dous en castelán e para os que pediu a -nxel Fole que os prologara.

Os últimos anos da súa vida son os que dedicou ao poemario Verba que comeza, uns poemas marcados pola súa enfermidade incurable e pola súa maneira de enfrentarse á morte e ao rápido paso do tempo. Este poemario será editado polo Concello de Noia no ano 1990 como homenaxe á poeta.

Un dezaoito de maio de 1967 faleceu en Parada do Caurel, a aldea que a acollera durante os últimos vinte anos da súa vida e na que construíra a súa obra poética. Tiña sesenta anos e os seus restos foron soterrados ao día seguinte no cemiterio de Seoane.