Letras Galegas
2019
2018
2017
2016
2015
2014
2013
2012
2011
2010
2009
2008
2007
2006
2005
2004
2003
2002

María Mariño Carou

O Día das Letras Galegas do ano 2007 está dedicado á figura de María Mariño Carou, merecedora do nome de Poetisa do Caurel, xa que a súa obra literaria, dous libros de poesía, están centrados nesta comarca na que viviu gran parte da súa vida.




--A María Mariño corresponderíalle, pola súa idade, estar incluída na Xeneración do 36 pero non comparte ningunha das características que aglutinan aos seus membros. Estaba fóra das correntes literarias do momento por mor do seu illamento e da súa particular formación literaria. O seu amigo Novoneyra, nun artigo publicado no 1982, en A Nosa Terra, afirma que quizais é María a poeta que menos libros leu que case non leu libros... Como consecuencia deste isolamento físico e literario apenas terá contacto coa intelectualidade da época. O seu nome comezará a facerse popular despois da publicación do seu primeiro libro, ao aparecer reseñas do mesmo en xornais e publicacións periódicas. Mantén contacto, nalgún caso epistolar, con Ramón Piñeiro, Otero Pedrayo, Fole ou Manuel María. A lingua empregada por Mariño é a lingua usada no Courel, coas súas voces, xiros e expresións cotiás. Os limitados estudos académicos da poeta permítenlle usar o idioma con total liberdade, afastándose das normas establecidas cando estas lle lastran a expresión das súas vivencias. A primeira obra poética de María Mariño está recollida no volume Palabra no Tempo. Este libro, publicado polas xestións do tamén poeta courelán e veciño de María Mariño, Uxío Novoneyra, aparece no ano 1963. Os seus poemas corresponden ao período que vai desde o ano 1958 ao 1963. Son setenta poemas distribuídos en tres partes ben diferenciadas. A primeira parte está integrada por 35 poemas e neles aparecen as vivencias da nenez da poeta ata a súa chegada ás terras do Courel. ¡Son aquela! Son aquela sempre soia que paseaba a ribeira a ver si nela atopaba, a ver si nela afogaba. Neste grupo tamén aparece a súa intensa relación coa súa nai Filomena. Arrecendo a túa chambra, que onte gardei sen lavar, arrecendo a túa mantilla e ¡volvo de novo a olvidar! ¡atopeiche! Pousa está a túa manciña na tixeira que eu colguei como medalla -¡ouro vello!- na cadea do teu ser. Podemos atopar nesta primeira parte de Palabra no Tempo referencias á súa Noia natal e aos lugares e celebracións ás que acudiu na súa infancia e adolescencia. ¡Ribeiras de mar enxoito! ¡Ribeiras de pleamar! Quedas, vellas ribeiras, agardan un mar i outro mar. Os seráns nas Rías Baixas ollan con luz de aurora, ca súa mirada queda, silencio daquela hora... Nos vinte e nove poemas da segunda parte María establece un contacto coa natureza, coa realidade do mundo que a rodea e reflexiona sobre si mesma. Todos eles son breves poemas de dous a seis versos, algúns deles divididos en dúas partes numeradas. Mestas voces leva o día pola calzada do sol. Sae dela e queda nunha. Anque un xordo pode oíla, non se lle entende o seu són. O río canta de vello. Do vento é o mismo zoar. Chove, chove. O sol quenta. Somos algo do seu berce ¿ou il é todo o que hai? A terceira e última parte do libro está composta por tan só seis sonetos nos que afonda na súa relación coa natureza. Viste a Natureza vestido feito por min. Visto eu dela o mellor forro, visto eu dela o seu corpín. Teño nela o meu socorro. Palabra no Tempo estivo prologado por Ramón Otero Pedrayo que deixou a primeira interpretación da vida e da obra de María Mariño, invitando aos lectores a un repaso atento dos seus poemas para un mellor coñecemento propio. O segundo libro de Mariño Verba que comeza terá que esperar ata o ano 1990, ano no que o Concello de Noia edita un libro homenaxe no que se recollen vinte e sete poemas inéditos, o prólogo de Otero Pedrayo de Palabra no Tempo, un poema manuscrito, numerosas críticas e estudos sobre a súa obra e algunhas fotografías da escritora, do Courel e da Noia de principios de século así como ilustracións de Raimundo Patiño. Anteriormente, no ano 1983, a Asociación Cultural Catavento organizou unha homenaxe á escritora. Esta homenaxe incluía a colocación dunha placa na rúa Cega, a casa noiesa onde María viviu na súa infancia, e unha mesa redonda na que intervirían Novoneyra, Avilés de Taramancos, Helena Villar Janeiro, Ana Romaní, Xosé Luís Méndez Ferrín, Bernardino Graña e Carlos Oroza. Nesta mesa redonda reivindicouse, desde unha óptica nacionalista galega, a figura de Mariño, tanto literaria como politicamente ao tempo que se denunciaba o seu esquecemento. Verba que comeza, na edición do Concello de Noia, consta de vinte e sete poemas. Ese mesmo ano a revista A Trabe de Ouro publica outros catro poemas, que non foran incluídos no libro de homenaxe por problemas editoriais, e que son aportados por Uxío Novoneyra. En compilacións máis actualizadas inclúense outros dous poemas inéditos, chegando ao total de trinta e tres. Os poemas de Verba que comeza reflicten as diferentes posicións da escritora diante da morte que xa presentía e que lle vai anunciando o seu propio deterioro físico. Onde queda o meu camiño? Meu camiño aquil de sol enteiro, de auga e de chuvia, de vento e loita. Donde queda? Derruboume e non sei del. Non me ergo. Derruboume dinde a súa escada -miña forza-, cuio fondo aquil que por min fala, magóame, di e faime. As composicións están en verso libre, numeradas e sen título. Algúns dos temas que trata son comúns ao seu primeiro libro pero aquí, en Verba que comeza, están enfocados baixo a perspectiva da enfermidade e do sufrimento. Neste libro María trata o tema universal da morte, desde un punto de vista individual, a súa propia morte, como desde un punto de vista colectivo de destrución total da natureza e do ser humano. Tamén son frecuentes as referencias ao mar ao que representa coma unha forza poderosa capaz de estragalo todo, de levar todo por diante. «Fun, son e serei castigo dunha onda arrolada na pena que chamou Marola». Ninguén lle oieu, mais un vento furón soupo de si i enredándose en min quebrou seu nome. En palabras de Anxel Fole, a poesía de María Mariño e «algo moi delicado e fondo, algo moi doente e memorable».