Letras Galegas
2018
2017
2016
2015
2014
2013
2012
2011
2010
2009
2008
2007
2006
2005
2004
2003
2002

María Mariño Carou

O Día das Letras Galegas do ano 2007 está dedicado á figura de María Mariño Carou, merecedora do nome de Poetisa do Caurel, xa que a súa obra literaria, dous libros de poesía, están centrados nesta comarca na que viviu gran parte da súa vida.




   A comezos do século XX, a agricultura en Galicia seguía a ser a principal fonte de riqueza e daba emprego á maioría da poboación. No entretanto, a situación do agro galego presentaba un fato de graves problemas, todos eles herdados de épocas anteriores, sobre todo os problemas relacionados co réxime de propiedade da terra. O réxime foral, a reducida dimensión das explotacións, as medidas proteccionistas do goberno que prexudicaban os produtos galegos... 
    Este conxunto de problemas incapacitaban a agricultura galega para integrarse na economía capitalista, pero, diante de todo, había que rematar cos foros e co caciquismo. As políticas da Restauración monárquica impulsada por Cánovas del Castillo amosábanse incapaces de resolver o grave problema agrario e as protestas foron especialmente intensas no primeiro terzo do século XX. Aparecen en Galicia nesta época organizacións vinculadas coa temática agraria: Unión Campesiña, Solidariedade Galega e a máis importante, Acción Gallega, liderada polo crego Basilio Álvarez. 
    A incapacidade do sistema político para solucionar os numerosos conflitos existentes dentro dun marco constitucional propicia que, no 1923, Miguel Primo de Rivera encabece un golpe de estado que acaba co réxime liberal. O xeneral Primo de Rivera exercerá o poder, de maneira ditatorial, ata o ano 1930. 
    Durante esta ditadura paralizouse o movemento agrarista aínda que, no ano 1926, se aproba un decreto que establece a redencion dos foros. No ano 1929 fúndase a Organización Republicana Galega Autónoma, ORGA, e un ano despois, co Pacto de Lestrove, créase a Federación Republicana Galega.
    O apoio do rei Alfonso XIII á ditadura de Primo de Rivera orixinou un forte descrédito da coroa e, en abril de 1931, tras a victoria das esquerdas nas eleccións municipais o rei sae para o exilio e proclámase a II República. A uniformización establecida para o conxunto de terras que formaban o estado español orixinou a reacción das comunidades situadas na periferia peninsular. En Cataluña, Euskadi e, en menor medida, Galicia xurdiron con gran forza movementos reivindicativos dos seus feitos diferenciais: lingua, cultura, leis, tradicións..., son os nacionalismos periféricos que se van opoñer ao nacionalismo español. 
    Son precisamente os integrantes destes movementos en Galicia, Villar Ponte, Otero Pedrayo, Bóveda, Castelao... os que loitarán tenazmente pola consecución dun Estatuto de Autonomía para Galicia que é refrendado polos galegos un 28 de xuño de 1936. Paralelamente á acción política desenvólvese no país unha forte actividade cultural a través das publicacións Nós e A Nosa Terra. 
    O levantamento militar de xullo de 1936 paraliza a aprobación, por parte das Cortes, do noso primeiro Estatuto de Autonomía. O triunfo nas eleccións lexislativas de febreiro de 1936 xa radicalizara as posicións en dous bandos políticos irreconciliables. O levantamento militar, encabezado por Francisco Franco, non consegue os seus obxectivos coa rapidez programada e durante tres anos, de xullo de 1936 a abril de 1939, España vese envolta nunha Guerra Civil terrible. As forzas conservadoras e tradicionalistas, xunto co exército e a maioría da igrexa apoian aos militares sublevados mentres que as clases máis populares, os partidos de esquerda, os sindicatos, o mundo da cultura... apoian ás tropas leais republicanas. 
    No transcurso da guerra, no bando republicano, do que Galicia queda á marxe, vivíronse experiencias revolucionarias no campo da política, da educación, da cultura... salientando a organización das colectividades agrarias e industriais coa participación de anarquistas e comunistas. A II República estaba ferida de morte e un 1º de abril do ano 1939, Francisco Franco dá por rematadas as operacións militares. 
    É o comezo dunha moi dura represión que conduciría ao exilio, ao cárcere e á pena de morte a milleiros de cidadáns leais á República. Esta represión producirá un illamento aínda máis grande de Galicia con respecto ao resto de España, sumindo ao noso país nunha «longa noite de pedra» que duraría corenta anos, ata a morte do ditador. Aínda que Galicia non foi de todo allea ao «boom» económico dos anos sesenta de España e Europa, o secular esquecemento da nosa terra, sobre todo da Galicia interior, determinará un atraso económico estrutural que perdurará ata os nosos días.