Letras Galegas
2018
2017
2016
2015
2014
2013
2012
2011
2010
2009
2008
2007
2006
2005
2004
2003
2002

Ramón Piñeiro López

Ramón Piñeiro López , escritor, editor, político e intelectual que significou o elo condutor da cultura galega e o galeguismo entre a xeración Nós e as xeracións da posguerra do século pasado. Tras a disolución do Partido Galeguista, asumiu o traballo cultural como eixo condutor do galeguismo, fundando a editorial Galaxia nos anos 50, en torno á que se mantivo a actividade cultural en galego, e intentou espallar o galeguismo entre todas as ideoloxías políticas que foron agromando na segunda metade do século.




Foi o día 31 de maio do ano 1915 no lugar de Armea, parroquia de Láncara en Lugo, cando Ramón Piñeiro veu ao mundo, un mundo que sempre viu dende os ollos de Galicia, á que lle dedicou o traballo de toda a súa vida.
A súa casa e ambiente familiares sempre estarán presentes nas lembranzas de Piñeiro e mesmo configurarán a súa personalidade no futuro. Isto último pódese deducir do feito de que a súa casa estivese illada do resto, o non ter compañeiros para xogar, a diferenza de idade coas irmás, etc.; que fixo que aquel neno se fose facendo cada vez máis solitario e tímido, con certa tendencia ao illamento, a permanecer nun segundo lugar, algo que conservaría toda a súa vida.
Outra das características daquel neno foi a súa precocidade cultural, xa que o seu pai ensináralle a ler cando era moi pequeno e así, cando foi á escola por primeira vez, á idade de seis anos, xa sabía ler e escribir, ademais dos números e das catro regras.
O saber ler e escribir levaríao a aburrirse na escola, a illarse do que o rodeaba, a imaxinar e pensar cousas.
Algo importante da súa infancia na escola foi o problema da lingua, xa que o mestre falaba sempre en castelán, mentres que a única lingua que el coñecía era o galego.
Aos sete anos de idade viaxa por primeira vez a Lugo e queda abraiado con varias cousas: primeiro co tren no que ía de Sarria a Lugo, o misterio daquel vehículo que se desprazaba sen ser arrastrado por cabalos; segundo, as moitas casas que había en Lugo, a iluminación das rúas, etc..
Cando tres ou catro anos despois volve a Lugo para facer o bacharelato elemental, xa non é o rapaz sorprendido e asustado da primeira viaxe, senón un mozo que le libros e periódicos de forma habitual e que comeza a situarse no mundo.
Unha vez rematado o bacharelato elemental, volta á aldea, e sen saber o que ía ser do seu futuro incorpórase aos labores do campo, sen esquecer por iso a lectura de Ossián, Dante, Petrarca, Tasso e dunha antoloxía de poesía galega na que descubriría a Rosalía de Castro.
Aínda que na aldea, Ramón seguía coas súas reflexións intelectuais, comentándoas cun xove licenciado en dereito co que falaba a miúdo. Ademais disto, a súa afección por ler e sintetizar o contido dos periódicos fíxolle gañarse a fama de rapaz listo e diferente, en relación ca atribución que se lle fixera á súa familia dende sempre, coñecidos popularmente e con algo de sorna como os da «Casa de Abaixo».
A fama de rapaz intelixente que se estendeu entre os seus paisanos e unha conversa que tivo o xove licenciado co pai de Piñeiro, fíxolle ver a este que era unha pena que un rapaz das súas características se adicara aos labores do campo.
Despois disto e grazas ás amizades do pai, Ramón Piñeiro entra de dependente nunha ferraxaría de Sarria, encargado de levar as contas e a correspondencia.
Pouco despois de chegar a Sarria subscríbese a «El Pueblo Gallego», moi galeguista por entón, quedando abraiado polos artigos de Otero Pedrayo.
Cando contaba Ramón Piñeiro con dezasete anos proclámase a República, organizándose un mitin en Sarria no que participan Julio Sigüenza, Lois Peña Novo e Ánxel Fole.
Chamaríanlle a atención sobre todo os discursos dos dous últimos, de Ánxel Fole con aquel castelán coidadísimo co que falaba, fermoso e culto, case literario; e de Lois Peña Novo, co que quedou máis abraiado, porque foi a primeira vez que escoitou falar galego nun acto en público, iso si, un galego distinto do que escoitara ata entón.
 A finais do ano 1931 Piñeiro volve a Lugo para continuar o bacharelato e pouco despois asiste a un mitin galeguista no Teatro Principal no que queda engaiolado co discurso de Castelao.
Será a partir deste momento cando Piñeiro experimente a necesidade de pertencer activamente á familia galeguista, fundando xunto con outros rapaces a Mocedade Galeguista de Lugo, é dicir, entra de cheo no galeguismo; o que o leva a coñecer a personalidades como Otero Pedrayo, Ánxel Fole, etc..
Precisamente, o mesmo ano no que Piñeiro se incorpora ao galeguismo, o proceso para dotar a Galicia dun novo Estatuto de Autonomía dentro da legalidade republicana entra nunha fase máis activa, grazas ao labor de certos elementos galeguistas, entre eles Alexandre Bóveda.
A participación de Piñeiro como representante dos galeguistas lugueses de cara ás liñas a seguir nas eleccións de novembro de 1933, levouno a manter unha serie de relacións cos dirixentes do Partido Galeguista, falando por primeira vez con Castelao e Alexandre Bóveda.
Despois disto, Piñeiro enferma, o que non lle impediría continuar co seu labor intelectual a través da lectura e conversa con personaxes afíns á súa ideoloxía.
Unha vez recuperado, loitou ata 1936 nas filas galeguistas polo autogoberno, centrándose na consecución do estatuto, estatuto que Piñeiro consideraba que chegaba prematuramente por non existir por entón un galeguismo vigoroso, idea que lle transmitiu a Alexandre Bóveda.
Este ano viu a Castelao por última vez, moi pesimista pola situación política que se estaba a vivir en Madrid.
O día 20 de xullo do ano 1936, despois da sublevación militar, Ramón Piñeiro librouse da detención ao facerse pasar por un funcionario no Goberno Civil de Lugo.
A partir  de aquí a sensación de medo e confusión fai que Piñeiro marche a Láncara por razóns de seguridade, volvendo posteriormente a Lugo, previo aviso de que desaparecera urxentemente, decatándose de que Alexandre Bóveda e outros amigos foran fusilados.
Grazas aos coñecidos falanxistas, Piñeiro foi escapando, case milagrosamente, das denuncias, detencións, etc., ata que, convencido polos seus amigos,  incorporase ao exército como única saída a aquela situación de persecución constante á que estaba sometido.
Todas as experiencias vividas na guerra fan que lle produza unha auténtica mágoa o comportamento inhumano, a falla de sensibilidade de moitas persoas que actuaban como se de repente estivesen dominadas polos instintos máis primarios. Nace aquí a súa preocupación polo «ser do home», o seu interese pola filosofía; aínda que antes se decantaría pola carreira de Filoloxía Románica para intentar arrincar o idioma galego do estado de postración no que se atopaba.
Xa rematada a Guerra Civil, Piñeiro vai adoptar unha actitude prudente á hora de reconstruír o galeguismo debido a que as circunstancias políticas, derivadas da incerteza, non eran as máis propicias, e tamén estaba aí a ameaza inminente dunha guerra a nivel internacional, como así aconteceu ao estalar a Segunda Guerra Mundial.
Unha vez rematada esta, agora as miras vanse centrar na reconstrución do Partido Galeguista, xurdindo diferentes puntos de vista á hora de levar a cabo este labor.
Nun comezo constitúese un Comité Executivo do que formaba parte Ramón Piñeiro entre outros, reducíndose as actividades do partido unicamente a unha serie de reunións esporádicas.
Pouco a pouco a idea foi tomando forma, convocándose unha serie de asambleas e designando a Ramón Piñeiro como secretario político.
No ano 1942, unha vez rematados os dous cursos comúns da carreira de Filosofía e Letras en Santiago, Ramón Piñeiro trasládase a Madrid para facer a especialidade de Filosofía pura, entrando en contacto cun grupo galeguista que funcionaba alí (Fermín Penzol, Álvaro Gil, X.R. Fernández-Oxea,...), e con nacionalistas vascos e cataláns.
As accións da ANFD (Alianza Nacional de Forzas Democráticas), da que formaba parte o Partido Galeguista, dirixíanse a coordinar a galegos, vascos e cataláns (Piñeiro como encargado) de cara ao restablecemento da República, a entrada en vigor dos tres Estatutos de Autonomía, o nomeamento dun goberno de coalición que convocase eleccións constituíntes e a organización federal do Estado.
Piñeiro, ademais, tamén era partidario da reconstrución da Galeuzca (pacto tripartito entre nacionalistas vascos, cataláns e galegos), coa finalidade de reforzar a defensa dos intereses políticos e comúns para os tres pobos.
A intervención de Londres en visos da fin da Guerra Mundial ía no camiño dunha restauración da monarquía democrática na persoa de Juan de Borbón, e non dunha república.
Antes de entrar en negociación cos británicos, Ramón Piñeiro e os representantes vascos e cataláns decidiron reunirse coa representación política das institucións no exilio.
É neste momento cando viaxan a Francia, onde residía o goberno de Giral, presentando a candidatura de Castelao, por aquel entón no exilio, como representante de todas as forzas políticas do interior de Galicia.
Piñeiro reivindicaba que os galegos foran vítimas dúas veces, primeiro pola pasividade do goberno da República que impediu a defensa da democracia e, despois, pola represión franquista; estas vítimas, que xa tiñan votado o seu Estatuto de Autonomía, pedían estar representadas no goberno a través da figura de Castelao.
O compromiso de Giral para a convocatoria dun referendo no que os españois decidisen de forma democrática entre a República e a Monarquía, contando coa axuda de Francia e tamén cunha folga xeral revolucionaria para derrubar ao réxime, demostraban o descoñecemento da situación real do país e do control practicamente absoluto que o réxime exercía sobre a oposición.
Ramón Piñeiro convencido de que o goberno republicano no exilio carecía de medios e de que a alternativa política habíaa que construír no interior, decide regresar, contrariando así a Castelao que pretendía que agardase por el en París.
O día 9 de abril de 1946 deteñen a Ramón Piñeiro á entrada dun café na Gran Vía madrileña, condenándoo a cumprir tres anos na cadea; tempo que non lle impediu manterse, máis ou menos, en comunicación encuberta con contactos fóra da prisión, infomándose da evolución da loita clandestina.
Ao saír do cárcere no ano 1949 a situación política, tanto no exterior como no interior, mudara considerablemente; o goberno de Giral caera e a oposición entre os grupos políticos no exilio facía que a súa actuación carecese de forza para levar a cabo unha oposición efectiva ao réxime.
Segundo Piñeiro, o fracaso da loita contra o réxime non se podía converter nun fracaso do galeguismo como doutrina e defendía a opinión de que o galeguismo debía ser «a identificación de Galicia como realidade total», o que excluía calquera tipo de uniformidade ideolóxica.
Estas foron as bases das que partiu a creación de Galaxia en Santiago o día 25 de xullo do ano 1950, co que se pretendía darlle cobertura legal a unha nova organización do galeguismo, plan inicial de Xaime Isla.
Tamén se perseguía que Galaxia tivese unha proxección internacional da personalidade diferencial de Galicia, atraendo aos mozos universitarios cara os problemas da realidade social e cultural de Galicia, creando para isto a colección ‘Illa Nova´.
Piñeiro foi nomeado director literario da editorial, e potenciou tanto a recuperación de figuras xa consagradas antes da Guerra Civil, como a incorporación á cultura galega dalgúns dos intelectuais máis importantes do momento.
Porén, as autoridades do réxime decatáronse de contado do significado político da nova editorial, identificándoa co vello galeguismo, o que se traduciu nunha serie de atrancos e dificultades para a mesma.
Neste sentido, os cadernos da ‘Colección Grial´ de carácter monográfico, cultural e escritos en castelán, estiveron sempre vixiados de preto, suspendéndose a colección posteriormente polo réxime.
No ano 1951 publícase na editorial a tradución ao galego por parte de Celestino F. de la Vega e Ramón Piñeiro do «Cancioneiro de poesía céltica» de Julius Pokorny, coa dobre intención de someter o galego ás necesidades expresivas das grandes creacións da literatura universal e tamén de enriquecer a cultura galega coa incorporación de valores espirituais xurdidos e frutificados noutros ambientes.
A pesar do indubidable labor editorial de Galaxia, no ámbito político Ramón Piñeiro seguiu mantendo boas relacións coas forzas da clandestinidade, especialmente con vascos e cataláns.
No tocante ás relacións políticas entre Ramón Piñeiro e os seus correlixionarios galeguistas do interior, estas non foron tan boas cos seus colegas de América, especialmente co Consello de Galicia e as xentes que se moveron no círculo de Castelao en Bos Aires, que estimaban que o labor de Galaxia, con ser importante, non era suficiente, pois pensaban que o galeguismo debía actuar dun xeito máis contundente, incluso violento, contra o franquismo.
Estas diferenzas remóntanse aos últimos anos da década dos corenta, cando os cambios na política internacional fan cada vez máis utópica a restauración da República. Así, mentres os membros do Consello, estando Castelao aínda vivo, só aceptaban a saída republicana como a única aceptable política e moralmente, os galeguistas do interior, máis todas as forzas políticas nacionalistas e os partidos que integraban a ANFD, empezaban a pensar noutras solucións e negábanse a aceptar que o Consello de Galicia pretendese representar e actuar en nome da totalidade do  galeguismo, polémica que non rematou sequera coa restauración da democracia.
Na década dos sesenta a oposición clandestina incrementou a súa actividade para acabar co franquismo e restaurar a democracia, lonxe da utopía republicana e ca única pretensión de instaurar un réxime de liberdades.
No seo da familia galeguista xurdiron diversos grupos, algúns dos cales discrepaban abertamente da política oficial do galeguismo (representado por Ramón Piñeiro e os homes de Galaxia), nacendo así o Consello da Mocedade, integrado sobre todo por estudantes de ideoloxía nacionalista residentes en Madrid, e que será o xerme do futuro Partido Socialista Galego, fundado na Coruña en agosto do 1963, coa presenza de Ramón Piñeiro, que non se integra no partido.
Por outra banda, mozos nacionalistas radicais que fracasaran no seu intento por controlar o Consello da Mocedade, fundaron en 1964 a Unión do Pobo Galego, un partido nacionalista e marxista que incluía no seu programa o dereito á autodeterminación de Galicia, a colectivización da agricultura e a socialización das grandes empresas.
Materializábase así o afastamento definitivo dun sector dos mozos galeguistas con Piñeiro, esixíndolle responsabilidades pola liquidación do vello Partido Galeguista e asumindo en parte as críticas que o Consello de Galicia fora vertendo contra Piñeiro dende finais dos anos corenta.
Mentres tanto outros mozos, coordinados e estimulados por Piñeiro, preferiron as opcións do socialismo democrático ou da democracia cristiá.
Neste contexto de fragmentación política dos rapaces galeguistas,  o día 25 de novembro do ano 1967 Ramón Piñeiro ingresa na Real Academia Galega co discurso «A lingoaxe i as língoas», respondido por Domingo García-Sabell.
Piñeiro axudou cos seus contactos e coñecementos tanto aos mozos galeguistas de ideoloxía socialista como aos cristiáns galeguistas, e púxoos en relación coas mesmas correntes a nivel estatal e europeo, depositando nas mans dos dirixentes e militantes dos novos partidos nacionalistas a responsabilidade política partidaria do nacionalismo galego; decidindo Ramón Piñeiro manterse á marxe, xa que pensaba que a súa liña de actuación neses anos debía dirixirse máis cara un labor de concienciación galeguista que a participar na vida partidaria.
No ano 1974 publícase «Olladas no futuro», no que se desenvolven interpretacións e valoracións da personalidade e da obra de figuras importantes na nosa cultura, temas importantes da realidade galega e tamén impresións ou suxerencias reflexivas sobre a situación espiritual de Europa.
No ano 1975, ano da morte do xeneral Franco, publícase «Lembrando a Castelao», unha descrición non exenta de admiración por parte de Ramón Piñeiro.
A morte do xeneral abriu un proceso político que remataría coa restauración da democracia baixo a fórmula dunha monarquía parlamentaria, tal como prevera Piñeiro, que rexeitou neste momento a presidencia galega da Xunta Democrática por razóns expostas anteriormente.
Aínda que preconizando o federalismo como fórmula das distintas nacionalidades españolas nun mesmo Estado, este federalismo entendíao dunha maneria peculiar, como rexeitamento do estado centralista e tamén como diferenza co nacionalismo radical.
Nas eleccións do 15 de xuño do ano 1977, primeiras eleccións democráticas despois de 1936, Piñeiro figurou nas listas da candidatura conxunta ao Senado formada polos partidos que aceptaban o federalismo; mais os resultados foron desalentadores para o galeguismo, e nas listas do Congreso a forza galega que saíu mellor parada foi o Bloque Nacionalista Galego que chegou aos 23000 votos.
Un ano despois foi aprobada en referendo a Constitución, que consagraba no seu texto un modelo de Estado denominado autonómico, cunha ampla capacidade lexislativa nos futuros parlamentos das tres nacionalidades históricas (Galicia, País Vasco e Cataluña).
O agravio comparativo do Estatuto de Galicia con respecto do vasco e do catalán (o famoso artigo 32, apartado 4º), que invalidaba totalmente o nivel competencial no caso de Galicia, levou a Ramón Piñeiro e outros afíns a facer un manifesto reivindicando os dereitos de Galicia.
Por aqueles días pasaron pola famosa mesa de braseiro de Ramón Piñeiro representantes das dúas forzas políticas maioritarias (UCD e PSOE) para informar do que estaba a suceder nas Cortes.
A negociación desenvolveuse no outono de 1980 coa iniciativa de Realidade Galega, un grupo de intelectuais e profesionais, a cabeza do cal era Ramón Piñeiro.
O novo texto sometido á Comunidade Constitucional do Congreso dos Deputados, foi aprobado en referendo o día 21 de decembro do ano 1980, e a pesar da altísima abstención do electorado, Galicia xa dispoñía dun Estatuto que ía facer posible o seu autogoberno.
No mes de outubro de 1981 celébranse as primeiras eleccións ao Parlamento Galego, aceptando Ramón Piñeiro a invitación para figurar nas listas do PSOE como independente, o que provocou unha situación de desconcerto no ámbito do nacionalismo que o acusaba de abandonar os partidos galegos en favor dun partido estatal.
Ramón Piñeiro defendeuse alegando que era necesaria unha representación na Cámara galega dun sector social identificado co galeguismo independente que defendese a consolidación da Autonomía salvando os posibles atrancos que a puidesen obstaculizar, preocupación motivada polo golpe de Estado do 23 de febreiro daquel ano.
Celebradas as eleccións, Ramón Piñeiro foi elixido deputado nas listas do Partido Socialista de Galicia (PSOE) pola provincia da Coruña, o que non foi acollido con moito entusiasmo por un amplo sector do PSOE en Galicia.
O pacto que Ramón Piñeiro e outros compañeiros subscribiran como independentes do PSOE, situounos nunha posición que co tempo os convertería en árbitros de moitas situacións parlamentarias conflitivas, como no caso da Lei de Normalización Lingüística, xa que a súa tramitación conxunta e posterior aprobación por unanimidade foi posible grazas a que toda a cámara confiaba na independencia dos galeguistas.
Unha vez que o pobo galego dispoñía xa dos medios que o facían dono do seu propio destino, Ramón Piñeiro  decátase de que o papel político desenvolvido por obriga durante máis de cincuenta anos perdera importancia, trocando agora, nos seus últimos anos, na necesidade de profundizar e ampliar a conciencia galeguista, labor que opinaba que debía acadarse a través da cultura.
Xa, para rematar, cómpre referirnos á vocación de Ramón Piñeiro, que como se citou anteriormente non foi a política, xa que esta foi por obriga, senón lingüística ata o drama da Guerra Civil, para desembocar posteriormente nunha vocación filosófica.
Precisamente, no ano 1984, publícase «Filosofía da Saudade», que recompila catro traballos publicados e un inédito: «A Filosofía e o Home», «Significado metafísico da Saudade», «Para unha filosofía da Saudade», «Saudade e Sociedade», «Dimensión do Home» e «A Saudade en Rosalía»; todos eles como unha contribución galega ao estudo filosófico da saudade, no sentido da peculiaridade espiritual galaico-portuguesa a través dunha visión universal.
No ano 1983 Ramón Piñeiro foi elexido primeiro presidente do Consello da Cultura Galega, e no ano 1985 recibe a Medalla Castelao.
Un 27 de agosto do ano 1990, despois dunha vida serena e discreta, faleceu na cidade de Santiago de Compostela.