Letras Galegas
2018
2017
2016
2015
2014
2013
2012
2011
2010
2009
2008
2007
2006
2005
2004
2003
2002

Ramón Piñeiro López

Ramón Piñeiro López , escritor, editor, político e intelectual que significou o elo condutor da cultura galega e o galeguismo entre a xeración Nós e as xeracións da posguerra do século pasado. Tras a disolución do Partido Galeguista, asumiu o traballo cultural como eixo condutor do galeguismo, fundando a editorial Galaxia nos anos 50, en torno á que se mantivo a actividade cultural en galego, e intentou espallar o galeguismo entre todas as ideoloxías políticas que foron agromando na segunda metade do século.




No caso da agricultura debido á intensa desagrarización que caracteriza o século XX e en especial a segunda metade, e no caso do mar polo liderato que a explotación dos recursos mariños exerceu na formación da industria galega.
A estrutura social tamén sufriu cambios ao desapareceren as vellas castes fidalgas e confirmarse o protagonismo do campesiño parcelario, sen esquecer a importancia da figura do emigrante retornado, que trouxo de América cartos e novidades culturais e políticas.
Non podemos illar a Galicia da realidade española do momento, e así o nacemento do noso protagonista coincide co réxime da Restauración vixente en España, unha monarquía constitucional caracterizada pola quenda pacífica de partidos no poder, a fraude electoral, a oligarquía e o caciquismo.
A incapacidade do sistema para solucionar os múltiples problemas existentes dentro do marco constitucional vai desembocar no golpe de Estado de Miguel Primo de Rivera no ano 1923; unha liquidación do réxime liberal, dando lugar a outro de tipo ditatorial ata o ano 1930.
O apoio do rei ao ditador orixinou un forte descrédito da Coroa, que sobreviviu pouco tempo á caída de Primo de Rivera e, así, en abril de 1931 a Monarquía deu paso á República.
A uniformización establecida polo Estado liberal para o conxunto de terras que formaban a nación española provocou a reacción de comunidades situadas na periferia peninsular. En Galicia, País Vasco e Cataluña xurdiron movementos reivindicativos das súas peculiaridades; son os nacionalismos periféricos, en oposición ao nacionalismo español.
O marco ideolóxico e xurídico establecido polo liberalismo propiciou que ao longo do século XIX e comezos do XX se desenvolvese en España a revolución industrial, caracterizada polo atraso con respecto aos países máis avanzados e con fortes diferenzas rexionais; no caso de Galicia, esta centrou o seu desenvolvemento na industria conserveira.
Despois da proclamación da Segunda República, sucedéronse tres tipos de goberno ata que o triunfo da Fronte Popular, en febreiro de 1936, radicalizou as posicións dos españois en dous bandos irreconciliables, traendo como resultado un levantamento militar que, por non triunfar plenamente, orixinou unha terrible guerra civil (1936-39).
A guerra rematou co triunfo dos militares sublevados, e Francisco Franco, máximo responsable das operacións militares, foi asumindo progresivamente poderes políticos ata converterse no xefe único e supremo do novo Estado, inaugurándose así un réxime ditatorial -o franquismo- ata a morte do ditador no ano 1975, réxime que marcará en gran medida a traxectoria do noso protagonista.
Á morte de Franco, iniciouse en España a etapa da transición democrática que culminou na elaboración e aprobación da Constitución de 1978.
As principais forzas parlamentarias foron capaces de practicar unha política moderada e de consenso, asumindo o rei Juan Carlos I o papel do monarca constitucional, facilitando e potenciando así a democratización de España.
A nova democracia española viviu o 23 de febreiro do ano 1981 un dos momentos máis críticos polo intento dun  golpe de Estado involucionista que pretendía retornar ao pasado ditatorial.
A materialización de importantes cambios políticos, sociais, económicos e culturais permitiron que España se consolidase como un país democrático integrado nas institucións da Europa comunitaria.
O novo modelo de Estado xurdido da Constitución -o Estado das Autonomías- combina o modelo de Estado unitario coa descentralización e autonomía exercida polas Comunidades Autónomas.
Así como para coñecer a Galicia do momento non podemos obviar a realidade española, do mesmo xeito cómpre un coñecemento dos principais acontecementos a nivel internacional que determinan en maior ou menor medida o transcorrer nos ámbitos inferiores.
Deste xeito debemos ter en conta que o estourido da Primeira Guerra Mundial en 1914 iniciou unha nova era na que se asiste a unha verdadeira eclosión das nacionalidades (a partir de 1919), Europa occidental perdeu a súa hexemonía mundial en beneficio dos Estados Unidos e da Unión Soviética, onde a revolución socialista nace, así mesmo, no curso da guerra.
O final da Segunda Guerra Mundial (1945) cerra un período de trinta anos cualificado por moitos autores como de guerra civil europea.
Ningunha outra etapa histórica presenta tal cantidade de enfrontamentos ideolóxicos de carácter masivo: das democracias contra os fascismos, da sociedade capitalista contra a socialista, das masas contra as elites.
A partir de 1945 asistimos a profundas transformacións; no plano económico articúlase unha sociedade internacional baseada nun mesto tecido institucional a escala planetaria; nos planos político e social asistimos á consolidación das democracias de masas e á eclosión dos Estados de benestar nos países desenvolvidos, as relacións internacionais quedan impregnadas pola guerra fría o que condicionou a evolución política de todos os países do planeta; mentres tanto, no Terceiro Mundo derrúbanse os imperios coloniais e emerxen novos países suxeitos á dialéctica do desenvolvemento e o subdesenvolvemento.
No ano 1989 cae o muro de Berlín e só dous anos despois desaparecía a Unión Soviética, co que quedaba liquidado o mundo de confrontación bipolar que marcara as relacións internacionais dende 1947.