Defensor da lingua e a cultura galegas, membro da Real Academia e fundador de editoriais, Xosé María Álvarez Blázquez foi non só un creador de literatura galega senón que tamén creou canles para que outros escritores e escritoras puidesen publicar a súa obra.
Roseira do teu mencer
O libro "Roseira do teu mencer" é un libro de poesía dedicado á súa filla pequena María Luísa, á que familiarmente se refería como "Colorín" por ser "coloradota como unha mazá".
Os poemas deste libro inclúen cantigas de berce como esta, musicada polo mestre José Luís Loureiro Durán:
Durme neniña, durme, meu ben; túa nai ten sono, teu pai tamén. Non penses máis no cabalo
que andaba a fuxir do dono; ¡mira eses cen cabaliños que acarrexan o teu sono!
Poemas de ti e de min
Libro de poemas publicado no ano 1949,na colección Benito Souto. Este libro está escrito conxuntamente co seu irmán Emilio.
A curiosidade deste volume é que tiña dúas portadas iguais. Unha para cada autor. a parte pertencente a Xosé María Álvarez Blázquez consta de dezanove poemas como...
O merlo poeta
Da gorxa algareira
do merlo lanzal
fuían as horas
collidas da man.
Coas súas muiñeiras
e os seus alalás
a tódalas merlas
iña namorar.
Na ponla máis outa
do meu salgueiral
morreu o poeta:
no papo, nin gran!
A pega rabilonga
«A pega rabilonga e outras historias de tesouros», un conxunto de cinco relatos breves, foi publicado no ano 1971 por Edicións Castrelos, dentro da súa colección O Moucho.
Todos os relatos xiran ao redor dalgún tesouro e cada un deles está dedicado a un amigo do autor.
Eis o primeiro parágrafo do conto «A gavilla», dedicado a Celso Emilio Ferreiro.
«A xente envexosa decía que o pai do Ferrador prestárase a ferrar todo un escadrón de cabalería do mariscal Soult por unha saca de ouro roubada polos franceses no mosteiro de Melón, e que dempois escondeu o diñeiro até que o Ferrador, sendo mozo, o topou. A historia é distinta.»
Cancioeiro de Monfero
Este conxunto de oito cantigas da autoría de Xosé María imitan a lingua e os recursos dos autores galego-portugueses. Algún investigador mesmo chegou a crer que estas cantigas pertencían a un auténtico trobeiro do século XIII.
Anónimo
Desque vos vi en cas d’El Rei,
señor, mesquiño quedei,
e agora vivo coitado
como home desconortado
con grande amor que vos ei.
Con grande amor que [vos ei,]
señor, mesquiño [quedei]
e non me val ja conorte
se non vós, que soys mía morte
desque vos vi en cas d’El Rei.
Canle segredo
Este libro de poemas foi publicado por Edicións Castrelos no ano 1976 e está dedicado a María Luísa, muller do poeta. O libro foi galardonado co premio «Pondal», do Centro Galego de Bos Aires, pero non se chegou a publicar até vinte anos despois por Edicións Castrelos, propiedade de Xosé María.