Luísa Villalta Gómez naceu na cidade da Coruña o 15 de xullo de 1957, na rúa Vila de Laxe, en pleno corazón do barrio do Gurugú.
Despois de pasar polas aulas do colexio das Xosefinas e do Instituto Nacional Feminino, actual IES Eusebio da Guarda, acadou a licenciatura de Filoloxía Hispánica, na Subsección de Galego-Portugués na Universidade de Santiago de Compostela e exerceu como profesora de Lingua e Literatura Galega nos institutos coruñeses Xosé Neira Vilas, de Perillo-Oleiros, Canido-Ferrol e Isaac Díaz Pardo, de Sada.
Desenvolveu unha intensa actividade cultural, foi autora de obras de teatro, narrativa, ensaio... e poesía, quizais a súa faceta máis coñecida.
Obtivo o Título Superior de Violín polo Conservatorio da Coruña, e creou nos anos oitenta, Escaino, un grupo de folk instrumental. Tamén foi compoñente da Orquestra de Santiago de Compostela e da Xove Orquestra de Galicia, formacións que deixou ao dedicarse á docencia.
Faleceu na Coruña o 6 de marzo de 2004, á idade de 46 anos, e foi soterrada no cemiterio de Santo Amaro.
A Real Academia Galega, en sesión celebrada o 29 de xuño de 2023, acordou dedicarlle o Día das Letras Galegas 2024 pola súa contribución á cultura de Galicia e á lingua galega.